Lembro que a miña avoa tiña un caderno, onde anotaba en que traballaban ou que estudiaban, os seus netos e netas. Xa sabedes, que ás avoas lles encanta presumir!
Contan que o pasatempo favorito de Casilda era baterse en duelo con outras avoas, que tamén axitaban cadernos nas súas mans, como se fosen trofeos.
Ela, que non puidera ir á escola, tiña agora descendencia que estudiaba. Eran as persoas máis listas do mundo mundial. Algo así, tiña que ser voceado!
“morrerlle a un a avoa, non ter avoa ou ser o galo da avoa”
Expresión coloquial que se usa para censurar a quen se gaba moito
Seique unha persoa non ten avoa, cando fala arreo do marabillosa, guapa ou intelixente que é.
Iso de botarse flores, non está ben visto. Chámase soberbia e é un dos pecados capitais. E contra soberbia, humildade, di o catecismo.
Pois ben, parece que a humildade non estaba no “mapa” dun notario do Saviñao, de cuxo nome non me quero lembrar.
Eu mesma dou fe de que, na redacción dun testamento, escribiu literalmente:
“En el lugar de Serpentina, parroquia de San Vicente de los Castillones, ayuntamiento de Pantón, siendo las doce del día veintisiete de noviembre de mil novecientos cinco: ante mí Don Francisco Mourenza Montero, notario público por oposición con clasificación de sobresaliente, perteneciente al Ilustre Colegio Notarial de Lugo y a la notaría de Saviñao, donde tengo mi residencia …”
Fonte: Protocolos notariais de Pantón. Arquivo Histórico de Lugo
Sí. Estades a ler ben.
Don Francisco, cando foi mandado chamar para darlle validez xurídica á declaración de últimas vontades dun veciño do Saviñao, fixo algo insospeitado.
O señor notario quixo que constase en acta a notaza que sacara na oposición de acceso á carreira. Está claro, que este home non tiña avoa.
Pregúntome, a quen ía dirixida a súa mensaxe.
[ Do blog Bisagras de Papel ]