InicioMovementos sociaisLugo iza a bandeira da diversidade pola Semana do Orgullo

Lugo iza a bandeira da diversidade pola Semana do Orgullo

As autoridades e as asociacións a prol da diversidade inauguraron unha semana de actividades arredor do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+

PUBLICADA O

- Advertisement -

As principais autoridades de Lugo escenificaron hoxe o seu compromiso coa diversidade no comezo da Semana do Orgullo LGTBIQA+. O izado da bandeira do arco da vella foi o preludio dunha semana de actividades encamiñadas a normalizar a situación deste colectivo. Deputación e Concello de Lugo apoian esta iniciativa das asociacións a prol dos dereitos dos menores trans, ARELAS, e da liberdade afectiva e sexual, ALAS.

Baixo o lema Visibilizémonos, movémonos, empodeámonos. Polo dereito a ser diversxs, estas entidades promoverán na provincia unha programación arredor do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, que se celebrará o vindeiro mércores 27 de xuño. No acto inaugural no Concello participaron, entre outros, a deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, e representantes das citadas organizacións sen ánimo de lucro. O acto continuou no Pazo de San Marcos.

López Izquierdo subliñou a importancia de que as institucións sexan parte destas reivindicacións, “que contribúen a normalizar a situación do colectivo LGTBIQA+, e que son necesarios para recoñecer a igualdade de dereitos de todas as persoas”. “Non se trata só dunha festa –continuou–, implica tamén unha expresión política na defensa das persoas marxinadas, acosadas e desprezadas por seren diferentes”.

A deputada convidou a toda a cidadanía a participar destas actividades “porque é unha forma de celebrar unha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria“.

Concello, Deputación, ALAS e ARELAS organizan para esta semana unha completa programación, que arrincou esta mañá coa lectura dun manifesto e o izado da bandeira LGTBIQA+
Concello, Deputación, ALAS e ARELAS promoven a Semana do Orgullo LGTBIQA+ en Lugo


Programación

O Executivo Provincial e o Concello de Lugo ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas e para todos os públicos. A programación é a seguinte:

O martes 26 de xuño ás 19:30 horas no Pazo de San Marcos, terá lugar a presentación do libro 22 segundos, de Eva Mejuto. A continuación, haberá unha mesa redonda na que participarán a presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, e Pablo San José, o primeiro menor trans en lograr o cambio legal de nome e sexo en Galicia.

– O mércores 27 de xuño de 18:00 horas a 20:00 horas, nos xardíns do Museo Provincial, celebrarase un obradoiro sobre diversidade sexual e photocall dirixido a familias e organizados pola Rede Museística da Deputación. Neste obradoiro, no que intervirán a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e o director dos Museos Berazategui de Bos Aires, Leonardo Casado, traballarase, sobre todo, o concepto de identidade. Ás 20:00 horas, a escritora lucense María Reimóndez estará na Praza da Soidade para amenizar un espazo de ‘Contacontos diversxs’.

– O xoves 28 de xuño ás 19:00 horas, o membro da Selección Nacional de Waterpolo Víctor Gutiérrez participará nun faladoiro titulado ‘Deporte profesional sen armarios. Dificultades e consecuencias. Será na Sala do Vello Cárcere. Ás 20:30 horas,  o bailarín e coreógrafo lugués Juan Carlos Zahera será o encargado de ler o pregón no patio do Vello Cárcere. Ás 21:00 horas, sairá do patio do Vello Cárcere a manifestación do Orgullo HOLI-COLOR pola diversidade. Continuará o percorrido por Campo Castelo, rúa San Pedro, rúa Doutor Castro, Praza de Armañán, rúa Nova, rúa Bispo Basulto, Praza de Santa María, e remata no Templete da Praza Maior, onde se lanzarán os polvos coas cores da bandeira LGTBI. Para participar, recoméndase levar roupa cómoda e unha camiseta branca.

– O venres 29 de xuño, no fondo da Praza Maior, baixo o lema Baile pola diversidade con orgullo, haberá unha exhibición e Masterclass de baile da man da Academia Star Dance, ás 20:30 horas. Se chovese, o espectáculo trasladaríase ao Mercado Municipal.

– O sábado 30 de xuño, desde as 17:00 horas haberá na Praza da Soidade un mercado solidario de entidades LGTBIQA+ e colectivos feministas. Os actos conmemorativos clausuraranse, tamén na Praza da Soidade, co concerto Son, sinto, vivo¡¡, que comezará ás 20:00 horas e estará presentado pola Señora Paca, que tamén interpretará unha peza. A noite musical continuará coas actuacións do grupo ourensano de Soul e Jazz Canela Cafuné, o grupo Las Supremas de Lugo e Tanxugueiras.

Dentro da programación de actividades para a semana do Orgullo LGTBIQA+ 2018, o Museo Provincial do Mar ofrece o obradoiro Diversxs dirixido a nenos de entre 4 e 14 anos. Terá lugar o sábado, 30 de xuño de 11:30 a 13:00 horas.

ÚLTIMAS

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...

Detido en Friol por entrar pola forza na casa dun coñecido, romper mobles e aveños e ameazalo de morte

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol a un home de 28 anos que...

Denunciada por falsificar un cartón de discapacitado para poder aparcar

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou a unha condutora que facía uso...

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...