InicioCulturaCarmen Conde, narradora oral: "Se nun velorio galego quitas o morto, aquilo...

Carmen Conde, narradora oral: “Se nun velorio galego quitas o morto, aquilo é case unha festa”

Esta lucense vén de estrear a serie 'Premios Darwin', que xira arredor de mortes absurdas acontecidas en Galicia. "Un humor que ten que ver coa morte é moi noso", di ela. A oralidade é a outra pata dos seus proxectos, tamén presente en 'Tabú'. Neste espectáculo aborda a sexualidade, o desexo ou a violencia a través das historias reais de oito mulleres de máis de 70 anos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Carmen Conde (Lugo, 1985) fala amodiño e sáelle da gorxa unha voz doce. Ri moito. Ri seguido. Di que o humor lle salvou a vida un cento de veces. Debe estar vivísima! Pero, paradoxicamente, a esta rapaza deulle por falar da morte. Faino na súa serie Premios Darwin, cuxo guión escribiu logo de escoitar unha chea de historias sobre mortes absurdas acontecidas en Galicia. “Hainas tremendas!”, di.

No Lugo Xornal falaramos desta narradora oral a fío do Festival Agrocuir da Ulloa, onde representara o seu espectáculo ‘Tabú‘: sexo, amores, violencia ou erotismo saído de conversas con mulleres galegas de máis de 70 anos. “As nosas avoas eran auténticas estrategas do desexo!”, pensa ela. Xunto a Diego Gallego, Carmen Conde montou Tarabela Creativa. E esa é agora a casa de todos estes proxectos.


LUGO XORNAL: E logo ti es moi tarabela?

CARMEN CONDE: ‘Tarabela’ é unha palabra que me chamou miña nai durante toda a vida. Parece ser que significa ‘persoa inconstante’, así que eu non son nada tarabela e reciclei esa palabra facendo algo constante, como é traballar no que me gusta.

LX: Falando de cousas constantes, algo que sempre está presente nos teus proxectos son o humor e a oralidade. 

C: Si, quizais é por pura herdanza social. Creo que non o escollín eu, senón que ambas cousas me escolleron a min. Somos un país con moito humor e moita retranca e, ademais, cunha oralidade fondísima. Se nalgún lugar as historias teñen peso e importancia é en Galicia.

LX: Sentar detrás da cociña e intercambiar contos, escoitar historias de vello… Paréceche que se vai perdendo esa tradición? 

C: Podería perigar… Os rapaces andan pegados ás pantallas e igual non existe tanto ese vínculo entre avós e netos. Pero, en cambio, sigo percibindo dúas cousas que me fan confiar en que a oralidade está moi viva. Por un lado, en Galicia hai unha escoita marabillosa. E, polo outro, eu vexo que as historias que se contan detonan lembranzas inmediatas en quen está ao lado. Ao fío dunha historia, sempre hai outra preparada. Aínda que veñan cen mil avances tecnolóxicos, iso non se vai perder.

“Algunhas mulleres falábanme cunha naturalidade pasmosa sobre violacións que sufriran”

BOTAR FÓRA OS TABÚS

Ela, dende logo, traballa activamente para conservalo. O seu espectáculo ‘Tabú’, por exemplo, nace dunha serie de conversas que mantivo Carmen Conde con señoras de entre 70 e 95 anos. Durante meses, un biscoito e un café convertéronse na escusa perfecta para construír confianza, botar horas de parola e rematar falando de temas como a sexualidade, o erotismo, a menstruación… De novo, as historias prendían: “Como se coñecían de tempo atrás, unhas tiraban das outras. ‘A ver, ho, cóntalle o daquela festa con aquel rapaz!’, dicían elas”.

LX: Na función, apareces en escena tendendo roupa íntima. Dis que é algo que simboliza iso de sacar fóra as cousas que estaban gardadas. Como viviches ese proceso previo no que se foron liberando esas historias-tabú? 

C: Para min foi unha transformación persoal. Pensei que ía ir pola rama cómica, pero tamén descubrín historias fondamente dramáticas, outras moi emotivas, outras confusas… Aprendín moito da actualidade grazas a escoitalas a elas. Había mulleres que xa falaran diso moitas veces, pero había algunhas que o verbalizaban por primeira vez. Estaban moi afeitas a gardar todo o relacionado coas súas emocións, coma se iso fose secundario. E diso aínda pecamos hoxe.

LX: Impactouche o que contaban?

C: Atopei varias mulleres que me falaron de violacións que sufriran, pero non lle poñían ningún ton de gravidade nin de tristura. Contábanmo cunha naturalidade pasmosa. Para min iso era máis escalofriante.

“Canto fixeron os palleiros pola natalidade deste país!”

LX: Pero tamén descubriches o lado máis pillo e picaresco desas mulleres. 

C: Daquela había tanta vixianza e control que as nosas avoas eran auténticas estrategas do desexo. Eran mestras da erótica! Por exemplo, resignificaban os obxectos cotiáns para falar en código cando estaban diante dun rapaz, para que así non os pillase ninguén. Tamén me sorprenderon os lugares onde practicaban sexo: eran os máis insospeitados. Canto fixeron os palleiros pola natalidade deste país! Se moitas netas escoitasen todo o que escoitei verían as súas avoas con outros ollos! [moito ri!]

LX: E entre elas estrañábanse?

C: Para nada! Ríanse dunha forma… Son marabillosas! Ás veces dicían: ‘Bueno, temos que repetir isto máis veces porque foi divertidísimo!’ Iso é moi bonito. Debería haber algún punto de reunión entre as mulleres das parroquias, porque saían poderosas daquelas xuntanzas.

Parte do equipo da serie ‘Premios Darwin’ no día da súa presentación en Carballo | Tarabela Creativa

“UN HUMOR QUE TEN QUE VER COA MORTE É MOI NOSO”

LX: Outro proxecto no que andas enleada é a serie Premios Darwin, que estreastes a principios de setembro en Carballo. Nas fotos dese día víaseche radiante.

C: Estaba súper contenta! Tiña ganas de ver que opinaba a xente. Dende que xurdiu a idea ata que se fixo realidade pasou un tempiño, así que ver aquilo foi a mostra de que cun pouco de xenio se poden facer as cousas.

“Teño excedente de mortes sen manchar as mans!”

LX: Como che deu a cabeza en facer unha serie sobre mortes absurdas en Galicia?

C: Antes de ser unha serie, Premios Darwin foi un espectáculo no que eu contaba esas anécdotas. Hai unha chea de mortes absurdas! Pensei que atoparía oito ou dez como moito, pero empezaron a saír de debaixo das pedras! Decidín pensar noutro formato que me permitira contar esas historias que quedaban fóra, así que empecei esta serie para plataformas dixitais. A idea é que sexa unha tempada completa, con trece capítulos. Teño excedente de mortes sen manchar as mans! [agora ri pícara]

LX: Había ganas de facer este tipo de comedia?

C: É que un humor que ten que ver coa morte é moi noso. Rendímoslle un culto especial, naturalizámola moito…. Somos xente así! [e engancha nunha risa que xa non solta] Eu sempre digo que se nun velorio galego quitas o morto, aquilo éche case unha festa! Pensa no ambiente que hai, nas anécdotas. Antes, cando se velaba o defunto na casa, incluso se poñía comida para os asistentes. Unha festa total!

LX: Pensas que estamos nun momento doce para a creación audiovisual en Galicia?

C: Mi ma! Que che vou dicir eu cando agora mesmo temos pelis como ‘O que arde’ (Oliver Laxe) que nos representan no ámbito internacional? Eu penso que o audiovisual galego ten moito que dicir. Hai actores e actrices con moito talento, guionistas que escriben cousas para quitarse o sombreiro, series impresionantes… Hai xente moi nova facendo cousas ben interesantes. Álvaro Gago, por exemplo, ou o noso director Guillermo Arias-Carbajal, do que son devota. Tamén veñen mulleres con moita forza, como Corentena Producións, que traerá a primeira webserie feminista.

LX: Ti mesma estás inmersa nunha chea de proxectos. Cando has volver pola provincia con algún deles?

C: Agora mesmo teño moitas frontes abertas. Ando con obradoiros de narración oral en coles e institutos, porque creo que é moi importante que se teña contacto con iso dende pequenos. Tamén sigo con ‘Sentido común’, que é un espectáculo xunto con Ánxeles Goás e Dani Goián. É posible que en Lugo desembarque en xaneiro. Nel compartimos historias de xente común que nos rodea. Por iso sempre digo que hai que ter moito coidado co que se nos conta! [e, claro, morre de risa. Iso non creo que sexa absurdo.]

ÚLTIMAS

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...

Un operario resulta ferido tras ser atropelado por un camión nun tramo de obras da A-6 en Baralla

Un traballador do servizo de mantemento de estradas resultou ferido ao ser atropelado por...