
A Deputación de Lugo estima que a residencia do municipio de Meira construída polo ente provincial podería entrar en funcionamento a partir deste mes de xullo.
O centro do concello chairego converterase no sétimo xeriátrico da rede da deputación provincial xunto aos xa operativos de Trabada, Pedrafita, A Fonsagrada, Pol, Castroverde e Ribadeo e os dous pendentes de construción, un na Pobra do Brollón e outro en Pantón.
A portavoz do goberno provincial e deputada de turismo, Pilar García Porto, sinalou, nunha rolda de prensa celebrada tras a xunta de goberno deste venres, “o compromiso da deputación segue adiante” co centro de Meira.
Con todo, evitou concretar que data se baralla para a súa entrada en funcionamento, algo que espera que se produza “nun prazo breve” que podería darse dentro do recentemente iniciado mes de xullo.
ACORDOS
Na xunta de goberno provincial deste venres foi aprobado un convenio entre a Deputación e os concellos para a implantación dunha nova taxa municipal ás empresas de electricidade e de gas “polo uso que fan dos bens de dominio público para transportar a enerxía, tanto enerxía eléctrica como gas”.
Trátase, segundo explicou García Porto, de incorporar a ese convenio dous concellos máis –Ourol e Lugo– co que son xa 55 os concellos adheridos a este convenio.
García Porto aclarou que desde o 1 de xaneiro, a empresa adxudicataria do contrato de asistencia técnica realiza un inventario de redes de electricidade e de gas nos municipios adheridos, uns traballos que “previsiblemente van concluír á volta do verán, no mes de setembro”.