Deixar de ser unha curiosidade, para obter a condición e a correspondente protección dun ben patrimonial. Tal é o reclamo dos mestres dos oficios que acompañaban o día a día da sociedade galega, alomenos dos que aínda quedan, e que son convidados a participar de feiras coma o San Froilán. Malia estar preto da extinción, non hai interese por documentar e obter mostras das técnicas, ferramentas e produtos das profesións de coroceiro, zoqueiro ou tecedor.
Os oficios están en mans de persoas que dependen doutra ocupación para vivir. Por iso a consideración de artesanía non casa co labor que realizan, que é máis de preservación, corrección e difusión. Os recursos dos que dispoñen son limitados e adoitan precisar de compoñentes difíciles de atopar e que comportan un alto custe. A calidade non é a de antes e conseguir modelos para reproducir é cada vez máis complicado.
É por estas razóns que non comprenden por que as axudas para participar nas xornadas tradicionais soen proceden dos departamentos de Economía, e non dos responsables de Cultura e Patrimonio. Os mestres invisten gran parte do seu tempo en estudar e rexistrar os procedementos e os materiais empregados nos oficios, algo que requeriría de investigadores especializados, adicados exclusivamente a recoller a historia destes traballos.
Sen un arquivo oficial, os oficios poden quedar deturpados. Acontece co traxe tradicional, poucas veces respectado na súa composición, ao contrario que a música e o baile tradicionais. En conxunto son unha parte crucial do folclore galego, polo que a precisión e o rigor deberían poder ser sempre contrastados cos orixinais.
Con tal fin, os responsables de Traxandaina colocaron durante o San Froilán obras costumbristas de Álvarez de Sotomayor ou Sobrino, unha escolma de escenas de casamentos, misas ou mercados nos que comprobar a autenticidade dos traxes. Con todo, é case imposible espallar estes coñecementos –ou recoller novos datos– sen exposicións permanentes. Ton Sanjurjo lembra o éxito da mostra na Capela de Santa María, que en tres meses atraeu a cifra récord de 4.000 visitantes.
Outra das reivindicacións é a de maior eficiencia e transparencia nas achegas para os oficios. Denuncian os mestres que gran parte das contías queda en intermediarios ou en elementos accesorios, deixando sen axuda para materiais ou almacenaxe aos protagonistas dos obradoiros. “Non podemos levar esta arte a outros países, a potenciar a nosa cultura”, lamenta Alberto Geada, prestixioso zoqueiro e impulsor do Museo das Zocas de Alfoz.
Os oficios subsistiron durante séculos, a meirande parte ata os anos sesenta, cando a expansión do plástico e os sintéticos desprazou ás vellas técnicas. E non comprenden como pode ser que en cuestión de medio século, esta parte fundamental da sociedade de antonte pode perderse irremediablemente. Colaboran cun sistema ao que non queren pertencer, porque non cren nel, mais están convencidos de que cambiará.
Agardan pola administración, porque en pouco tempo as corozas, as zocas ou os traxes gardados polo país quedarán deteriorados sen remedio, esquecidos da nosa cultura. Ese é o temor de Álvaro Leiro, coroceiro. “Hai cousas que non poden esperar, isto ou o rescatas agora, ou olvídate. Centos de anos, chegou a nosos días, e chegamos tarde”.