InicioSociedadeO centro de maiores da Fonsagrada comezará a funcionar no prazo dun...

O centro de maiores da Fonsagrada comezará a funcionar no prazo dun mes

O presidente da Deputación participou nunha xornada de portas abertas na residencia, onde valorou que a súa posta en marcha tamén axudará a fixar poboación no rural. Dende o PP, agardan que este sexa o "capítulo definitivo" deste centro, "que xa foi inaugurado en tres ocasións por tres presidentes".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, avanzou este martes que o Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada comezará a funcionar a medidados de febreiro; é dicir, dentro dun mes. Fíxoo durante unha xornada de portas abertas na que se lle mostrou á veciñanza o interior das instalacións.

Só quedan as valoracións finais dos solicitantes das prazas —40— para poder ver esta casa habitada por unha gran familia”, asegurou José Tomé. Na súa visita á residencia, estivo acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e mais polo alcalde da Fonsagrada, Carlos López. Así mesmo, tamén estiveron presentes outros rexedores da comarca, como o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, o de Navia de Suarna, José Fernández e o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.

Nesta xornada de portas abertas, as veciñas e veciños da zona puideron coñecer o interior do centro, as súas dotacións e os servizos e actividades que se ofertarán. A residencia conta cunha superficie de 2.000 metros cadrados distribuídos en tres andares e un soto. Na planta baixa sitúanse os espazos comúns, como o comedor ou a sala de lectura e televisión, así como os servizos de enfermaría, cociña, lavandería, etc. Na planta superior están as 14 habitacións dobres con baños.

AXUDARÁ A FIXAR POBOACIÓN

“Ademais das instalacións, outro aspecto moi importante son as persoas que moverán o motor día a día para que todas as persoas que vivan aquí estean ben”, destacou Tomé, quen sinalou que “a maior parte da xente que se incorpora a traballar no centro é desta zona, un factor moi importante, non só porque os usuarios e usuarias probablemente os coñezan, senón porque favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable”.

José Tomé asegurou ademais que é “unha gran honra ter contribuído xunto co Concello da Fonsagrada a que se cumpra o soño de Manuel Rois de la Peña (médico benefactor desta terra moi apreciado polos fonsagradinos) de legar aos seus veciños e veciñas un lugar para o coidado e a atención das persoas maiores”.

O PP AGARDA QUE SEXA O “CAPÍTULO DEFINITIVO”

Pola súa parte, o grupo provincial do PP reaccionou a este anuncio de José Tomé. Os populares agardan que a Deputación cumpra coas previsións desta volta, pois a residencia da Fonsagrada “xa foi inaugurada en tres ocasións por tres presidentes”. Dende o primeiro acto xa pasaron catro anos, din, polo que “xa vai sendo hora” de que esa apertura sexa efectiva. Piden que este sexa o “capítulo definitivo” na previa da residencia porque, do contrario, “sería chamarnos parvos á cara”.

PARTIDA ORZAMENTARIA PARA AS RESIDENCIAS

Coa apertura do centro da Fonsagrada, amplíase a rede de protección social da Deputación, que xa ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo. Nos orzamentos deste 2020, a institución destina nove millóns de euros aos centros de maiores, tanto aos que xa están en funcionamento, como á posta en marcha do da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita. Tamén avanzará no equipamento das residencias de Meira e Ribas de Sil.

ÚLTIMAS

O PSOE de Lugo esixe a dimisión de Elena Candia tras o arquivo da “Operación Polbo”

O PSOE de Lugo reclamou este sábado “responsabilidades políticas” á vicepresidenta do Parlamento e...

Saída de vía en Pantón deixa catro persoas feridas

Un total de catro persoas resultaron feridas tras saírse da vía co seu vehículo...

O Arde Lucus celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de 2026 cunha volta aos seus inicios

O Arde Lucus de Lugo celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de...

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali ou Guadi Galego, primeiros confirmados do cartel das festas do San Froilán

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, El Consorcio e, entre outros, Guadi Galego, únense ao...