InicioMedioambiente e PatrimonioO Foro do Camiño insta á Xunta a un xiro no enfoque...

O Foro do Camiño insta á Xunta a un xiro no enfoque das rutas xacobeas

No Día do Patrimonio Mundial, o Foro do Camiño Primitivo esixe reconsiderar o coidado do percorrido orixinal, que como o Francés, podería perder a condición de Patrimonio da Humanidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este venres, 16 de novembro, celébrase o Día Mundial do Patrimonio a instancias da Unesco. A ocasión é acicate para o Foro do Camiño Primitivo, que urxe á Xunta de Galicia a reformular por completo a xestión que fai das rutas xacobeas. Do mesmo xeito que acontece co Francés, o trazado orixinal podería perder a condición de Patrimonio da Humanidade por mor das agresivas intervencións da Axencia Galega de Turismo.

O Foro do Camiño Primitivo, conformado por trinta entidades, alerta sobre o deterioro e a “adulteración” que “esta e outras vías históricas seguen a experimentar” como resultado das actuacións de particulares e da propia administración, á que culpan de non respectar os “postulados esenciais de integridade e autenticidade”. 

“Estase a producir a falsificación da traza orixinaria do Camiño Primitivo e a súa perda de identidade”. A deturpación é produto en primeiro lugar “da turistificación mediante campañas propagandísticas” deste ben patrimonial que recibe a máxima distinción da Unesco. O segundo factor é a realización de “obras agresivas” a cargo da Axencia Galega de Turismo que, dende hai tres anos, conducen a que o itinerario tradicional “fique reducido á memoria ou a unha caricatura esperpéntica de si mesmo”.

A organización de vixilancia do patrimonio Icomos, vencellada ás Nacións Unidas, atende este caso dende 2016. O ente de supervisión “está disposto a intervir contra a desprotección das vías xacobeas”, inquedo por que esta cuestión quedara en mans da Axencia Galega de Turismo e a desinhibición da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Hai apenas un mes, Icomos recibiu unha nova denuncia de parte do Foro do Camiño Primitivo.

Abandono na contorna de Lugo

Martiño Noriega e Lara Méndez no Día do Camiño Primitivo | Concello de Lugo
Martiño Noriega e Lara Méndez no Día do Camiño Primitivo | Concello de Lugo

A pesar das advertencias, as obras “de sentido destrutor” continúan, sen ter en conta os criterios de preservación e autenticidade do territorio histórico da peregrinaxe. E na neglixente xestión da Axencia Galega de Turismo hai espazo tamén para cambios arbitrarios no paso por Lugo. O Foro do Camiño pide solucións para “treitos completos apropiados e desviados” na entrada da cidade.

Así acontece nas parroquias de Bascuas e Carballido (monte das Regas), como súa saída ao paso por San Xoán do Alto, no lugar da Seara, onde transita perigosamente polas vías adicadas ao tráfico rodado. De igual xeito, saliéntase o “abandono e falsificación da traza histórica” no barrio do Carme, “presionado pola especulación urbanística”, e “condenando ao ostracismo” o paso tradicional polo Regueiro dos Hortos.

Neste senso, o Foro do Camiño demanda a “urxente posta en valor” da Rúa Vella da Ponte como trazado histórico da peregrinaxe a Compostela polo barrio de San Lázaro. Evitaríase con esta rectificación o “perverso e artificioso desvío” pola vía urbana de Fermín Rivera cara ao Club Fluvial. Así as cousas, o organismo a prol do patrimonio lembra que a solución “non é gasto público en medidas paliativas para disimular problemas creados pola mala xestión e a falta de vontade […], senón a recuperación da senda tradicional e a súa protección cultural e ambiental como Patrimonio da Humanidade”.

Guía de actividades polo Día do Patrimonio Mundial

ÚLTIMAS

A Deputación dotará a 52 concellos de ferramentas tecnolóxicas a través do proxecto Impulsa TIC

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou na Fonsagrada o inicio do...

O BNG promove unha campaña para demandar ao Goberno melloras nas infraestruturas viarias de Lugo

O BNG de Lugo iniciou unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas...

Greenfiber reitera que Altri “non cambiará as condicións do Ulla” e alega que o estudo de Ence “non está actualizado”

Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, reiterou este martes que...

Falece no hospital un home de 92 anos que sufriu unha caída por un terraplén na Fonsagrada o domingo

Un home de 92 anos faleceu na madrugada deste martes no Hospital Lucus Augusti...