As alarmas saltaron cando a cementeira que Cosmos ten en Toural do Vaos, (Toral de los Vados) na comarca do Bierzo, solicitou permiso para reutilizar pneumáticos inservibles a xeito de combustible. A operación sería mesturar o combustible habitual, coque de petróleo coa goma destes refugallos. O caso é que en base a unha política de ‘residuos cero’, podería haber detrás unha política de eliminación de pneumáticos en desuso acumulados en diversos depósitos.
No que atinxe a Galicia existen depósitos recoñecidos polas autoridades autonómicas, con competencias en medio ambiente. Desde o ano 2016, a Xunta de Galicia, mediante a consellería de Medio Ambiente, pretende ir eliminando todos os depósitos de pneumáticos. Pero ademais, Cosmos está operando no Concello de Triacastela unha canteira onde se atoparon pinturas rupestres que a día de hoxe están a ser monitorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O CEMENTO E OS PNEUMÁTICOS
“Primeiramente, nunha cementeira non se incineran pneumáticos, as incineradoras teñen por obxectivo destruir algo que non se pode volver usar” di Juana Giménez, do gabinete de prensa de Votorantim Cimentos. Giménez apunta tamén que “o que buscamos é poder ter combustible, pois os pneumáticos teñen un poder calorífico moi alto”. A fabricación de cemento precisa de temperaturas de 2000 ºC. Así que se non se poden reutilizar ou reciclar, só queda destruir os elementos totalmente inservibles. Irían en pezas e mesturaríanse con coke de petróleo.
“Actualmente en Toural dos Vaos (Toral de los Vados) non se está usando esta técnica porque non temos autorización para isto” di Giménez “ aínda que temos solicitado á Junta de Castilla y León autorización para usar unha porcentaxe do 30% de pneumáticos para fabricar cemento”. Sobre a posibilidade de emisión directa de elementos perigosos á atmosfera, desde Votorantim-Cosmos din que os estudos sobre as emisións indican que estas non varían. “Serían igual que se usases cocke de petróleo, o que acontece é que o pneumático precisa dunha temperatura moi alta para ser destruido”.
O parecer das persoas opostas á operación proposta por Votorantim-Cosmos é que “non van separar a goma do aceiro desas rodas, ademais, van queimar lixo acumulado por trinta anos” sinala Valentín Carrera, xornalista e ecoloxista. “O que pasa é que queimar é barato, rendible para a empresa” sinala Carrera. O mesmo sosteñen desde Adega o seu voceiro Fins Eirexas, “en Europa hai marcado un itinerario de tres puntos para o lixo, primeiro reutilización, logo a reciclaxe e por último se non se poden seguir os outros dous pasos, estaría a eliminación deses residuos”.
A eliminación que apunta Fins Eirexas denomínase “valorización enerxética” en terminoloxía oficial da U.E. “En diversos países de Europa existe a chamada política de residuo 0 e sobre as emisións, están testadas por medidores tanto da Junta de Castilla y León como propios” declara Giménez. “A política de residuo 0 non respecta a xerarquía de reutilizar, reciclar e destruir, senón que as empresas pasan por riba desta normativa e din estar amparados pola mesma” apunta Eirexas. “O caso é que queimar é barato, aforra cartos en combustible” remarca Valentín Carrera “e iso repercute nos beneficios da empresa e na produtividade, temos cemento a prezo barato”. Sobre as emisións de gases tóxicos, Fin Eirexas sinala desde Adega que se “denunciou que as medicións das emisións non se estaban respetando e por tanto non acreditamos nese proceso”.
O caso é que nestes momentos no Bierzo estase a levar adiante unha campaña que busca a non concesión a Votorantim-Cosmos dos permisos para usar como combustible pneumáticos en desuso. “Esta empresa é moi forte e pode estar exercendo lobbying sobre as autoridades para que a concesión sexa dada” di Carrera.
No caso de Galicia, desde Adega apuntan a existencia de tres depósitos de pneumáticos na Laracha, As Somozas e Fene. O máis grande sería o da Laracha, onde estiman que poda haber unha cantidade aproximada ás 30.000 toneladas.
COVAS DE TRIACASTELA
A canteira de Vilavella, no concello de Triacastela, estaba sendo explotada por Votorantim-Cosmos desde finais dos anos setenta. “Houbo unha concesión a finais dos anos setenta feita en condicións non moi claras” di Marcos Celeiro da Asociación Socio-Cultural O Iribio. Co paso dos anos e ao aumentar a actividade estractiva da canteira, acabouse por descubir un conxunto de covas onde se descubriron restos de pinturas rupestres.
O caso é que a polémica coa canteira segue e no ano 2014 o concello de Triacastela concedía permisos para seguir explotando a canteira, a pesar do dictame da Xunta de Galicia declarando o lugar como Ben de Interese Cultural (BIC), seguindo as recomendacións do informe emitido polo Consello da Cultura Galega. Non obstante, o xulgado número 2 de Lugo anulou esa licenza en 2017 por entender que non se lle daba atención á cualificación de chan rústico de especial protección de interese patrimonial.
Con todo, despois desta sentenza, a asociación O Iribio presentou tres denuncias que apuntaban ao movemento de terras dentro do perímetro da canteira e que poderían afectar ao xacemento arqueolóxico. Desde a empresa, Juana Giménez apunta que “colaboramos na conservación destes xacementos e participamos no seu estudo”. Desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Consellería de Educación e Cultura din que ao outorgárselle a licenza urbanística, pedíuselle á empresa “unha monitoraxe das covas e das pinturas para protexelas” e engaden “O sistema de monitorización da cova instalouse o 11.11.2016, logo da autorización da DXPC. O 26.04.2017 a DXPC autorizou o programa de control e vixilancia das manifestacións rupestres da cova. Ao abeiro deste programa deben de facerse visitas semestrais e presentarse un informe ao respecto. Na DXPC constan xa os informes semestrais das visitas realizadas en xullo de 2017 e febreiro/marzo de 2018”.
Con todo, O Iribio presentaba unha nova denuncia en agosto do ano pasado, motivada entre outros puntos “Que a empresa Cementos Cosmos SA, desde o mes de maio até a actualidade, realizaactvidades mineiras consistentes grandes movementos de terras e extraccións de material en dous frentes da explotación mineira, con utlización de explosivos, transporte, machaqueo do mineral, e todo tipo de actvidades mineiras na explotación D. Isidro no concello de Triacastela”. Segundo a Asociación Socio-Cultural O Iribio, isto podería ir contra a sentenza do xulgado número 2 de Lugo sobre a concesión feita desde o Concello.
CONCESIÓNS SOBRE A AUGA
Durante o proceso de concesión para a explotación da canteira, Votorantim-Cosmos tamén tería concesións para usar a auga do Teixido, un regato que, segundo Marcos Celeiro “praticamente está seco”. Ademais diso “a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMSL) abrira expediente a varios veciños por usar auga para regar, pois para iso había que ter un permiso” e as persoas afectadas alegaron descoñecer a necesidade dunha autorización por parte da Confederación.
Desde a CHMSL, a requerimento de Galicia Confidencial contestaron que “son 19 expedientes sancionadores, pódese indicar que os mesmos se incoaron por denuncia deste Organismo cando o mesmo cursou visita ao lugar dos feitos ao recibir unha denuncia por parte de Cementos Cosmos, S.A. que como titular concesional informaba que as instalacións do seu aproveitamento de augas sufriran un suposto sabotaxe. Na visita da Gardería Fluvial comprobouse que se estaban a regar parcelas sen permiso deste Organismo”.
A alegación de descoñecemento da necesidade de concesións para poder usar a auga en tarefas de rega, non serviu, por iso os veciños comezaron a regularizar as súas actividades para as súas parcelas. O que se alegou para que isto fose así “o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento” di a CHMSL.
FRONTES ABERTAS
O traballo da cementeira Votorantim-Cosmos parece non estar libre de polémicas. A súa actividade, tanto no que toca á empresa en Galicia e Bierzo como no Brasil, país de orixe de Votorantim, é seguida de cerca tanto por ecoloxistas como cidadáns. O caso é que a empresa cementeira desenvolve un traballo cunhas consecuencias como poden ser a polución do aire, a seca de leitos fluviais e a eliminación pola actividade estractiva de lugares con valor tanto ecolóxico como histórico.
Non obstante, a empresa reitera que todos os seus traballos están inscritos dentro dos marcos legais establecidos. Por exemplo, o uso de pneumáticos como combustible estaría dentro das normas europeas encamiñadas á política de cero residuos. Por outra banda, a política da empresa para non ver afectada a súa imaxe sería o que a movería de cara a colaboración na preservación das covas do Eirixo. Aínda así, a polémica sobre a actividade das cementeiras como xeradoras de gases invernadoiro segue aí e a súa actividade non parece ter agora mesmo outra alternativa.