O Bierzo vive un pulso entre os intereses económicos e políticos e os seus desafíos ambientais. A comarca foi mudando co tempo, malia todo, e terá que facelo máis rapidamente para cumprir cos compromisos europeos. No cambio de modelo deixará atrás a idea de converterse na nova Bizkaia para intentar asemellarse á nova A Rioxa. Este é o plantexamento do presidente de Bierzo Aire Limpio, Luís Fernández Canedo.
Cal é a situación da planta térmica de Cubillos?
Precisamente onte chegounos un dos documentos de autorización da Junta de Castela e León para a liña eléctrica de dotación da planta. O goberno autonómico está moi interesado en sacar adiante o proxecto, o que chama a atención pola axilidade e as manifestacións que vén facendo dende o primeiro momento, ás que Bierzo Aire Limpio oponse, cuestionando esta instalación.
Sabemos que aínda carece da documentación necesaria, aínda que anuncian que xa van comezar a traballar. Cónstanos que o permiso da Confederación Hidrográfica non foi facilitado, como tampouco a licenza de obras do concello. Sabemos que a Junta está facilitando todo o que pode estes permisos, porque a instalación destas centrais ten caducidade.
A subasta de 49,9 MW para esta central, e outra da mesma potencia que Forestalia xa vendeu a outro inversor, ten un prazo de execución de dous anos. De aí as présas por poñela en marcha [está previsto que comece a funcionar en xaneiro de 2020]. Benefíciase das axudas do Banco Europeo de Investimento e das axudas e avais da Junta de Castela e León.
Existe un conflito de intereses na Universidade de León pola cementeira de Toural?
Nós enviamos ao reitor dous escritos, e recentemente tamén unha queixa ao Comisionado de Transparencia. A Cementeira Cosmos pretende incinerar residuos no Bierzo, o que logramos ata o de agora impedir. O que fixo para avanzar nesa liñe foi pedir á universidade, a varios profesores, un estudio que validase que a incineración de residuos non prexudicará ao medio ambiente. Ese estudio tenta avalar, empregando o nome da Universidad de León, a modificación para substituír o 30 por cento do consumo de combustible por refugallos como son os pneumáticos.
Nós presionamos á Universidad de León para que publique o contrato da investigación que ten con Cosmos –supoñemos que co visto bo da institución– en base a criterios do organismo de transparencia vencellado ao Procurador del Común. A universidade organizou un faladoiro sobre aproveitamento enerxético forestal, unha mesa redonda con Bierzo Aire Limpio e Forestalia, da que rexeitamos participar, aínda que fomos de público. Podíase interpretar, polo contexto, que o convite ía na mesma liña. Preocupábanos que a Universidad de León tomase partido.
A cementeira de Toural, a térmica de Bárcena, a nova planta de Cubillos, a xestión da minaría en Tremor de Arriba … semella que O Bierzo vai a contracorrente en medio ambiente e enerxía.
Hai intereses económicos avalados por intereses políticos. É o centenario da chegada ao Bierzo de Julio de Lazúrtegui, quen plantexou que a zona podía ser a segunda Bizkaia, transformando unha comarca agrícola e gandeira nunha de tipo industrial. Viñeron as explotacións mineiras do carbón e falouse de altos fornos e siderurxias, pero iso non foi adiante. Logo chegou a construcción de centrais térmicas; hai que lembrar que o que agora é Endesa constitúese en Ponferrada, coa primeira planta térmica.
Nesta comarca quedan dous dos cinco grupos de Compostilla, os IV e V, de principios dos oitenta; a central de Anllares, a 40 quilómetros de Ponferrada, propiedade de Gas Natural Fenosa, a acería na parte alta de Ponferrada, en Santo Tomás; e a cementeira Cosmos, en Toural dos Vaos. Estas catro empresas están no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR), de Medio Ambiente.
Para entrar ao Bierzo hai que baixar, e para saír hai que subir, tanto para a meseta como a Galicia. A comarca está rodeada de montes, é unha ola, cun efecto de inversión térmica: custa que as emisións poidan saír en determinadas condicións climáticas. Hai unha boina amarela posada sobre a palta alta da comarca, e pode verse dende León e Galicia.
“Hai vinte anos vendiamos viño a granel, agora hai setenta adegas do Bierzo”
Dende que nacimos hai dez anos como plataforma, polos contaminantes de Cosmos, a idea foi traballar cara outro tipo de desenvolvemento que aproveite os recursos naturais, volver á esencia e á historia. Nos últimos vinte anos déronse pasos: entón vendiamos viño a granel, agora hai setenta adegas do Bierzo, e unha delas conseguiu 100 puntos Parker, que é o máximo nivel de referencia mundial. Hai adegas de fóra que aproveitan o mencía e o godello, que se dan por este ciclo xeolóxico e o microclima típico do Bierzo.
Dende este punto de vista, gostariamos de desenrolar outros recursos como a castaña; despois de Galicia somos os segundos productores da Península Ibérica. Pero lamentablemente vendemos as castañas en cru, non conseguimos industrias transformadoras, salvando as máis pequenas. Pensamos que este tipo de recursos e o turismo son a liña de traballo para zonas como A Rioxa, con moi pouco paro e cunha das maiores rendas per cápita.
Pero hai unha obsesión na clase política e nas institucións en que o desenvolvemento vai vencellado á industria e á contaminación. Ese é o problema que temos, porque os líderes políticos e sociais agochan a cabeza ou apoian a Forestalia. Polo de agora os partidos con representación non se manifestaron en concreto.
E con todo, é un bo momento para apostar por outras iniciativas de futuro. Coidamos que vivimos un proceso de transición en canto ao carbón, que xa non é unha aposta da Unión Europea. Anllares será a primeira en pechar, e nos vindeiros anos rematará a súa actividade a de Cubillos, porque a matriz non quere asumir os investimentos aos que obriga o goberno de España.
As universidades teñen que ter un papel importante tanto na enerxía renovable como nas industrias alimentarias, para que sexa un sector competitivo. A UNED plantexa estas iniciativas dende unha perspectiva xeográfica, sen importar as fronteiras, plantexando un desenvolvemento conxunto entre o norte de Portugal, Galicia e León. Precisamos maior relación porque os desafíos son comúns: desenvolvemento agrícola, forestal, lumes.