A Fiscalía ratificou as conclusións iniciais e manterá a solicitude de 17 anos de cadea para o frade do Cebreiro. A decisión foi tomada despois das declaracións de expertos e testemuñas en sede xudicial, que en nada modificaron as conclusións recollidas no escrito de acusación. O Ministerio Fiscal segue a observar a comisión de delitos de abusos sexuais e de elaboración de material pornográfico con menores. O xuízo quedou visto para sentenza a primeira hora da tarde.
Este mércores continuou o xuízo contra o franciscano José Quintela. Na sesión anterior, o frade do Cebreiro insistiu en que descoñecía que a rapaza coa que mantivo relacións entre 2014 e 2015 fose menor de idade, e rebatiu a declaración do primo desta, un xove con discapacidade psíquica do que supostamente tentou abusar. A defensa mantén a inocencia do representado, que recoñeceu os contactos coa moza.
Dende as 10.00 horas deste mércores, compareceron na Audiencia Provincial de Lugo expertos de Medicina Legal, psicólogos e informáticos da Garda Civil, a traballadora social do Concello de Pedrafita do Cebreiro e varias testemuñas particulares. Ao fío das 13.00 horas, a presidenta do tribunal emprazou ás partes a elevar a definitivas as conclusións. A Fiscalía insiste na existencia dun delito continuado de abuso sexual con prevalimiento e acceso carnal, outro de abuso sexual, e un de elaboración de material pornográfico con menores, polos que pide 17 anos de prisión.
Testemuños
A través de videoconferencia, os investigadores do Instituto Armado explicaron que o mozo foi convidado polo relixioso á casa familiar que este ten en Trives a cambio de cartos. Este xove, con discapacidade psíquica, relatou que cearon e beberon alcohol, e que despois o frade do Cebreiro mantivo relacións sexuais coa curmá, para despois tentar penetralo.
As psicólogas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) aseguraron que a narración da vítima é crible. Sobre a menor, cun cociente intelectual límite, a traballadora social explicou que podería sufrir “carencias afectivas” por mor do entorno familiar. Declararon tamén varias veciñas que contactaron vía redes sociais co monxe, asegurando unha delas que tivo que bloquealo polas insinuacións realizadas polo home.