InicioCulturaUnha volta á infancia para recuperar os xogos tradicionais dos Ancares

Unha volta á infancia para recuperar os xogos tradicionais dos Ancares

O naviego Ismael Álvarez escolleu esta temática para realizar o seu Traballo de Fin de Máster. Creará unha web interactiva que recolla o legado desta pata do patrimonio cultural da zona.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Lembro que no colexio xogabamos ao ‘arrincanabos’, a pillar, ás agachadas, á pita cega, á ‘pomba branca é’…” Ismael Álvarez fai memoria e véñenselle á cabeza aqueles recreos no CPI Plurilingüe de Navia de Suarna cando o tempo pasaba a outro ritmo. Acórdaselle tamén unha xornada que organizaran na escola para poñer en valor os xogos tradicionais da comarca e, agora que xa deixou aquela etapa moi atrás, deulle por regresar a aqueles enredos do pasado.

O naviego Ismael Álvarez | ALX

El é Ismael de Quintá para a xente de Navia. Rematou o Grao de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e agora estuda un posgrao en Burgos para especializarse en Comunicación e Desenvolvemento Multimedia. O seu Traballo de Fin de Máster pretende, xustamente, unha achega dixital aos xogos infantís tradicionais e autóctonos dos Ancares. Fozar nos seus recordos e nos da veciñanza da bisbarra, desengrasarlles as lembranzas para que poñan un ollo na súa nenez.

“Sempre me interesou moito a cultura da zona dos Ancares”, di Ismael, que anda inmerso no proceso de recollida de testemuños. A cooperación da veciñanza é fundamental para este proxecto que ten un aquel de comunidade e de viaxe ás orixes. “Todo o mundo axuda. Se non din algún xogo, aportan contactos de alguén que sabe moito do tema. É algo que lles toca de preto e que xera moita nostalxia. Por iso creo que a xente se está involucrando tanto. As raíces culturais chegan moito ao corazón”.

OS BOLOS, A COCHA OU O ARRINCANABOS

De momento, di, a resposta está sendo moi boa e el mesmo xa aprendeu “moitísimo”. Nun rápido repaso por algúns dos xogos que foi lembrando ou descubrindo, cita os bolos. “Teñen unha versión propia aquí en Navia. Empregábase o ‘cuatro’, utensilio que delimitaba a liña de tirada da segunda rolda do xogo, pois a primeira xogada facíase dende un punto frontal á pedra onde se atopaban os bolos”, explica. Chamábaselle ‘corza’ cando non se tiraba ningún bolo; ‘media corza’ cando se tombaba a metade.

Describe tamén con ansia o “coñecido” ‘arrincanabos‘. Os rapaces sentaban no chan uns enriba dos outros, agarrados pola cintura, coma quen forma un feixe de nabos que debía ser desfeito por outro xogador. Este debía tirar dos compañeiros polas mans ata “arrincalos”.

No proceso de recompilación, as veciñas e veciños faláronlle doutros xogos coma o gua, a billarda ou a mariola. No Piornedo escoitou falar da ‘cocha‘, que ten certo parecido co golf. “Tiñan que intentar meter unha rodiña de madeira nun buraco con varas”.

CUN OLLO NO PASADO E OUTRO NO FUTURO

A cativada ten outros entretementos hoxe en día e estes xogos van desaparecendo dos patios e das airas das casas en favor doutros máis internacionais, lamenta Ismael. Con todo, non é alleo ás iniciativas que tentan preservar esta parte do patrimonio e tampouco el quixo quedar fóra. Co seu proxecto dixital, que agarda finalizar no verán, o Ismael de Quintá reflectirá nunha web interactiva o saber popular de toda unha comarca. Entrevistas en vídeo, audio, fotografías… gardarán para o futuro un anaco da tradición que, agarda, non quede no pasado.

ÚLTIMAS

Feridos os dous ocupantes dun coche que sufriu unha saída de vía e impactou contra un muro en Vilalba

Os servizos sanitarios tiveron que prestar atención aos dous ocupantes dun turismo que sufriu...

División de opinións na Asociación Forestal de Galicia sobre Altri: o 52% de socios apoia e o 40%, rexeita

Unha enquisa realizada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios sobre o...

Volve a neve en plena primavera á provincia de Lugo este sábado

Varios puntos da provincia de Lugo rexistran nevadas na mañá deste sábado de finais...

Morre Cristina Pérez Herraiz, concelleira en Lugo entre 2015 e 2019

A exconcelleira do Concello de Lugo Cristina Pérez Herraiz faleceu este sábado a consecuencia...