InicioSociedade'O Chamaco' será xulgado por asasinar a súa muller en Becerreá

‘O Chamaco’ será xulgado por asasinar a súa muller en Becerreá

O ministerio fiscal pide para o acusado unha pena de 28 anos de cárcere por maltratar, ameazar e finalmente asasinar a súa parella en febreiro de 2016.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A vista oral na que será xulgado José Manuel Carballo, coñecido como ‘O Chamaco’, polo asasinato da súa muller, Ana Gómez, no domicilio que ambos compartían no municipio lucense de Becerreá, comezará este mércores -día 16- na Audiencia Provincial de Lugo e está previsto que o xuízo se prolongue durante tres días.

O ministerio fiscal pide para o acusado -que no momento dos feitos tiña 29 anos-, unha pena de 28 anos de cárcere por maltratar, ameazar e finalmente asasinar á súa parella, Ana Gómez, en febreiro de 2016.

En concreto, a Fiscalía solicita 25 anos de cárcere para O Chamaco por un delito de asasinato con aleivosía, outro ano de reclusión por malos tratos no ámbito familiar e dous máis por ameazas.

Ademais, tamén pide liberdade vixiada para o procesado -cando cumpra a pena de cárcere- e que se estableza a prohibición de aproximarse ou comunicarse por calquera medio cos fillos, a nai e a irmá da vítima por un tempo de cinco anos. Por outra banda, solicita que o acusado indemnice aos fillos da falecida con 81.000 euros, con 41.000 euros á súa nai e con 16.000 euros á súa irmá polos danos morais que lles provocou.

En canto aos fillos da falecida, pide ademais para eles unha indemnización de 20.000 euros para cada un por mor das secuelas que arrastran por “prexuízos psicolóxicos” e outros 5.630 euros para a un deles polas lesións que lle provocou e as secuelas que quedaron.

O acusado, que carecía de antecedentes penais, permanece en prisión desde o día 13 de febreiro de 2016, data na que compareceu no Xulgado de Becerreá despois de ser arrestado pola Garda Civil.

No seu escrito de acusación, o ministerio fiscal lembra que José Manuel Carballo e Ana Gómez iniciaron unha relación sentimental en outubro de 2014 e ambos casaron en maio de 2015, establecendo o seu domicilio en Becerreá, onde tamén vivían os dous fillos menores da vítima.

As constantes “desavinzas conxugais” e as ameazas de morte do acusado provocaron que Ana Gómez e os seus dous fillos abandonasen provisionalmente o domicilio no que residían o día 8 de febreiro de 2016.

Os feitos producíronse o 12 de febreiro de 2016, sobre as seis da tarde, cando Ana Gómez, acompañada polos seus dous fillos menores e a súa sogra, acudiron ao domicilio no que convivía a parella, para falar sobre “os problemas polos que atravesaba a parella e a forma de afrontalos”.

Con todo, atopáronse co acusado encerrado nunha das habitacións, de onde se negaba a saír a pesar das peticións da súa parella e da súa propia nai.Entón, Ana Gómez díxolle, segundo o escrito do fiscal, “xa está, isto non ten arranxo, así que pídoche o divorcio, están de testemuñas a túa nai e os meus fillos”.

Acto seguido, cando a vítima baixaba polas escaleiras da casa para ir á cociña, José Manuel Carballo saíu da habitación coa escopeta cargada e pegoulle un tiro por detrás que a matou no acto, ademais de ferir a coxa e nun dedo ao fillo maior de Ana Gómez.

Precisa ademais o fiscal que “a escopeta empregada polo acusado atopábase en perfecto estado de uso e funcionamento, é apta para disparar os cartuchos percutidos e foi utilizada polo acusado coa oportuna licenza ao acharse este en posesión de licenza de armas como cazador“.

Os feitos foron presenciados polos dous fillos menores de Ana Gómez, que tiña no momento do seu falecemento 40 anos e era nai de dous rapaces que contaban con 16 e 17 anos de idade.

Os dous menores, como consecuencia deste suceso, “sufriron un trastorno por tensión postraumática que requiriu a intervención profesional durante seis meses, persistindo na actualidade unha sintomatoloxía compatible” con ese mesmo trastorno.

Ademais, o ministerio público sostén que “o acusado tiña as súas facultades para comprender os seus actos e a vontade para decidirse a executalos intactas”. EFE

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...