O senador do PP lucense José Manuel Barreiro pedirá ao Goberno central que “cumpra coa asignación comprometida” de 1,5 millóns de euros para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Doas, en Palas de Rei.
Así o fará este martes na Comisión de Industria e Turismo do Senado, onde defenderá unha iniciativa dos senadores populares lucenses.
Nun comunicado, o PP lembrou que en xuño de 2021 o Goberno central presentou o Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022, para impulsar os Camiños de Santiago e que contaba cun investimento “superior a 121 millóns de euros, a financiar con cargo aos fondos Next Generation”.
Entre os investimentos previstos no plan, o Executivo central “reservaba unha partida de 1,5 millóns de euros” para rehabilitar o mosteiro.
“Transcorridos tres anos desde o anuncio, non existe constancia da liberación destes fondos asignados para esta obra de recuperación e iso a pesar de que xa existe un acordo co bispado de Lugo, que se mostra favorable á rehabilitación integral do inmoble, hoxe en mal estado de conservación”, apuntou o popular.
