A euforia entre os principais organismos empresarias tras a noticia de que a fábrica de Altri se implantaría en Caldas de Reis vén de ser seguida polas denuncias do tecido ecoloxista do país. Diversas plataformas verdes veñen de apuntar directamente a esta factoría que, segundo destacan, podería trocar nunha nova ENCE ao danar a contorna natural da Palas e ampliar aínda máis a demanda de eucaliptos a nivel galego.
As denuncias de Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Galega de Custodia do Territorio refiren varias dimensións distintas. En primeiro lugar, cuestionan a natureza do traballo desenvolto na fábrica, centrada na elaboración dun tecido que parte do eucalipto.
Segundo explican, Altri desenvolve “Lyocell” ou “Tencel”, unha fibra téxtil elaborada a base de restos vexetais obtidos da madeira desta invasora. “A base do negocio nas súas primeiras etapas (obtención da materia prima, transformación inicial e procesamento da madeira para a obter polpa) é indistinguíbel dunha celulosa para a fabricación de pasta de papel”, inciden.
De aí o enorme consumo de auga, que oscilaría arredor dos 2.000 metros cúbicos para facer unha soa tonelada deste tecido. “Segundo informacións de prensa”, inciden, “Altri prevé que a planta producirá 200.000 toneladas de Lyocell ao ano, ou o que é o mesmo, que consumirá anualmente case 500 millóns de m3 de auga. De onde se va extraer ese enorme volume de auga?”, pregúntanse. Para mostra da dimensión deste consumo, exemplican que a poboación de Palas de Rei –3.414 habitantes– tardaría “máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga” considerando un consumo diario por persoa de 125 litros.
INCREMENTO DO EUCALIPTO
A problemática do eucalipto provocaría tamén unha nova extensión desta invasora, ata o punto de provocar “novas plantacións ilegais”, inciden dende as plataformas apuntando con retranca á suposta moratoria de Medio Rural, na que se denunciaron xa numerosas plantacións.
Altri precisaría eucalipto para cubrir a produción das 200.000 toneladas/ano de Lyocell na planta de Palas, de forma que, para os ecoloxistas, “é moi probábel que as 650.000 hectáreas desta árbore que arestora temos xa en Galiza cheguen ao millón”. Por iso subliñan tamén como “rechamante” que a multinacional Altri busque instalarse en Galicia, “terra politicamente abonada ao eucalipto, logo da contestación social e política e o freo ao cultivo desta especie acontecido en Portugal polo devastador incendio de Pedrógão Grande en 2017”.
ESPECIES EN PERIGO
En última instancia, a problemática estaría tamén en que a área de implantación da factoría acolle hábitats únicos e especies en perigo de extinción. Segundo denuncian os asinantes, a localización escollida pola fábrica é un “espazo de alto valor ambiental, contiguo á Rede Natura 2000”, e dentro das unidades ambientais da Rede Natura identificadas pola Xunta con hábitats prioritarios.
Trataríase, polo tanto, dun espazo candidato a formar parte da ampliación da Rede Natura 2000, unha ampliación insistentemente reclamada pola Comisión Europea (hai un procedemento de infracción aberto, segundo destacan os ecoloxistas) pero que Feijóo non levou a cabo nos seus 13 anos de mandato. Á parte estaría a presenza de especies ameazadas na zona, entre as que se contan, aves, anfibios e outros exemplares endémicos “únicos no mundo”.
ALTRI: “O IMPACTO AMBIENTAL SERÁ REDUCIDO”
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, garante que o impacto ambiental da fábrica de fibras téxtiles “vai ser moi reducido”. Así o expresou nun encontro informativo en Lugo este martes, no que tamén participaron os conselleiros de Economía e Medio Rural, Francisco Conde e José González. José Soares sinalou que a captación se vai construír “augas abaixo” da factoría, co cal “se está utilizando auga que resulta tamén do que é a recirculación”.
Precisamente, entre as 46 localizacións que se barallaron para o proxecto estaba As Pontes, que se descartou por ser unha zona “sensible” desde un punto de vista ambiental, mentres que tampouco se optou pola Mariña debido a que non se cubrían os requisitos mínimos de caudal de auga. Os criterios de proximidade a plantacións de eucalipto tamén influíron para elixir Palas, onde se construirá sobre 150 hectáreas de terreo.
Así mesmo, o conselleiro delegado de Altri confía en que o proxecto conte con fondos europeos Next Generation. “Sorprenderíanos moito non ter acceso”, sostén. Nesta liña, o conselleiro de Medio Rural, José González, asegura que o proxecto é “financiable”por “sustentabilidade e economía circular”, dado que se vai realizar partir de madeira de bosques galegos. Subliña que esta iniciativa “non ten parangón en ningún outro lugar do mundo”.