A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a nove anos e un mes de prisión un home por delitos de agresión sexual, maltrato habitual e maltrato no ámbito familiar cometidos contra a filla menor de idade da súa parella. Ademais, impónlle a prohibición de achegarse á vítima ou comunicarse con ela durante un período de oito anos e o pagamento dunha indemnización de 10.000 euros, en concepto de responsabilidade civil.
Segundo recolle a sentenza, os feitos producíronse durante o período de convivencia do investigado coa nai da vítima, etapa na que asumía as tarefas de coidado da nena. Durante ese tempo, sometía a menor a distintas condutas de violencia física e, aproveitando a ausencia da nai, realizaba actos de carácter sexual.
A Audiencia considera acreditada a autoría dos delitos, apoiándose principalmente no relato da menor, que cualifica de “compatible coa vivencia dos feitos denunciados”. Así mesmo, entende que este queda corroborado tanto polas declaracións das testemuñas como polo conxunto do material probatorio existente contra o acusado. A resolución non é firme, xa que contra ela cabe interpor recurso ante o TSXG.
