Home Lugo e contorna Lugo Encargo do Concello de Lugo a ESVILUSA para o proxecto para rehabilitar o centro social do Castiñeiro

Encargo do Concello de Lugo a ESVILUSA para o proxecto para rehabilitar o centro social do Castiñeiro

0
Encargo do Concello de Lugo a ESVILUSA para o proxecto para rehabilitar o centro social do Castiñeiro

No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local concedeu licenza para a construción dun edificio de 16 vivendas nunha parcela con fronte ás rúas Eloi Maquieira Arquitecto e Anselmo Sampedro Ania (zona Praza Agro do Rolo).

O proxecto, cun investimento de 1.3 M€, contempla tamén 16 prazas de garaxe, 16 rochos e un local comercial, cun prazo de execución previsto de 36 meses. A actuación supón uns ingresos municipais por taxas e impostos de 52.252,05 euros.

A sesión aprobou tamén o pagamento de 5.854,81 euros polas expropiacións necesarias para executar o Plan Parcial do sector SUD S-16.R. Este ámbito (aprobado en pleno o pasado 4 de novembro de 2024) contempla un sistema xeral de espazos libres de 9.774 metros cadrados. As cantidades correspondentes ás expropiacións foron previamente consignadas pola Xunta de Compensación.

Investimento no Castiñeiro: recuperar Centro social

Outro dos acordos da Xunta de Goberno local foi o encargo á empresa municipal EVISLUSA da redacción do proxecto técnico e da dirección facultativa para facer as obras de conservación, restauración e rehabilitación do edificio municipal situado na Praza do Castiñeiro, na confluencia das rúas Lamas de Prado e Juana la Loca. Este local está infrautilizado, con humidades e os dispositivos informáticos que hai están deteriorados.

O encargo para recuperar este espazo como centro de convivencia e para desenvolver actividades municipais ascende a 11.270 euros e establece un prazo dun mes para a elaboración do proxecto co obxecto de mellorar as condicións de accesibilidade e conservación desta infraestrutura.

Asemesmo se adxudicou a obra do pavimento do leiraparking do HULA por un orzamento de 272.000 euros. A proposta é acometer unha intervención no firme utilizando unha solución que reduza as necesidades de mantemento.

Avances para constituir o Consello Sectorial de Persoas Maiores, un novo espazo para a participación

A Xunta de Goberno Local avanza na constitución do Consello Sectorial de Persoas Maiores coa designación dos vogais que o integrarán. Este órgano de participación e consulta permitirá canalizar iniciativas e propostas relacionadas co benestar, a atención e a participación social deste colectivo.

O equipo de goberno considera que Lugo debe ser unha cidade na que as persoas maiores poidan seguir facendo vida, participando e achegando á sociedade. “Temos moito que agradecer a unha xeración que tanto fixo e que tanto nos segue aportando. Todo o que hoxe é Lugo leva tamén o seu esforzo. Queremos que teñan espazos para expresar as súas necesidades, compartir a súa experiencia e participar nas decisións que afectan á cidade”.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local acordou tamén a adhesión do Concello á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, unha iniciativa de colaboración entre administracións para promover o uso do galego, compartir recursos e coordinar actividades. A adhesión non supón novos compromisos de gasto e deberá ser ratificada polo Pleno municipal.

Persoal

A Xunta de Goberno local tamén aprobou hoxe a plantilla do Concello para continuar coa consolidación do proxecto para a Escola de Música e a Banda Municipal. Ao incluir os postos na plantilla xa se pode iniciar o proceso para a súa súa cobertura. Este acordo irá a pleno. Para este equipo de goberno este era un tema estratéxio que permite que este curso se recupere tanto a Escola de Música como a Banda Municipal,dotando ambos servizos dunha estrutura de persoal adaptada á súa función. Recordar que se trata da creación de 16 prazas de músico/a instrumentista-docente do subgrupo C1, ás que poderá acceder o persoal actualmente encadrado no C2 mediante concurso-oposición.

No ámbito da organización municipal, aprobouse unha adscrición provisional dun posto de traballo por un período dun ano, prorrogable, dentro da estrutura dos servizos municipais.

ARMANDO DURÁN

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello os fillos de Armando Durán Miranda, coincidindo co 25 aniversario do falecemento deste destacado científico lucense, nado en Lugo en 1913 e falecido en 2001.

Armando Durán foi catedrático de Óptica na Universidade Complutense de Madrid e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. A súa traxectoria científica e académica estivo marcada tamén polo compromiso de poñer o coñecemento ao servizo do ben común, tal e como recolle o libro sobre a súa vida e obra que os seus fillos entregaron ao Concello de Lugo.

Durante a recepción, Elena Candia agradeceu á familia a xenerosidade demostrada polo seu pai e continuada polos seus fillos coa cesión gratuíta ao Concello do mausoleo familiar en marzo de 2012. Un xesto que permitiu incorporar ao patrimonio municipal unha das construcións funerarias máis singulares do cemiterio de San Froilán e que cumpría a vontade de Armando Durán.

A alcaldesa destacou tamén o valor da homenaxe celebrada hoxe no cemiterio, con motivo do Día dos Defuntos, como unha oportunidade para lembrar a figura de Armando Durán máis alá da súa destacada traxectoria profesional: un home sinxelo e próximo. Entre outras achegas, contribuíu ao impulso da Escola de Comercio.

O mausoleo familiar, de estilo neogótico e procedente do antigo cemiterio de Magoi, é unha construción do século XIX. O seu valor histórico e artístico foi recoñecido en 2015, cando resultou distinguido no Concurso de Cemiterios de España na categoría de mellor monumento arquitectónico funerario.

Os fillos de Armando Durán participaron a continuación no acto institucional organizado polo Concello no cemiterio de San Froilán, no que tivo lugar unha ofrenda floral. A homenaxe contou coa intervención dunha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música, que interpretou varias pezas seleccionadas para a ocasión.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here