Home Economía Gandeiros e técnicos abordan a xestión medioambiental e o futuro do sector do vacún de carne

Gandeiros e técnicos abordan a xestión medioambiental e o futuro do sector do vacún de carne

0
Gandeiros e técnicos abordan a xestión medioambiental e o futuro do sector do vacún de carne

 

O Edificio de Servizos Múltiples de Pedrafita do Cebreiro foi o escenario hoxe xoves, 29 de outubro, da xornada técnica centrada na “Xestión medioambiental de explotacións de vacún de carne”. A cita, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e apoiada pola Deputación de Lugo, coa colaboración de Unións Agrarias-UPA e o Concello de Pedrafita do Cebreiro, serviu como espazo de análise sobre o estado actual e as perspectivas de futuro da gandería de carne.

O acto de apertura contou coa participación do vicesecretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Félix Porto e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo.  Durante a xornada, que suscitou grande interese entre os gandeiros e gandeiras participantes, púxose de manifesto a necesidade de respaldar ás explotacións gandeiras ante os actuais desafíos normativos e económicos.

A clausura da xornada correu a cargo do deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, que estivo acompañado pola directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Elena Busutil, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Na súa intervención, Arias subliñou que “o futuro dos nosos concellos vai ligado indisolublemente ao futuro do sector primario” e advertiu de que “non hai fixación de poboación, non hai dinamismo demográfico nin hai loita efectiva contra o despoboamento se non defendemos e apoiamos ás nosas granxas familiares”.

Así mesmo, fixo fincapé o deputado provincial en que os elevados estándares en sostibilidade ambiental “deben vir acompañados dun respaldo administrativo real e de axudas directas”, ademais de reclamar prezos xustos en orixe e un compromiso firme ante os cambios na Política Agraria Común (PAC) e o impacto das novas enfermidades na cabana gandeira.

Un completo programa de análise arredor do presente e o futuro do vacún de carne

Durante a xornada, desenvolveuse a mesa redonda “Análise da situación do sector cárnico de vacún e perspectivas de futuro”, moderada por José Rodríguez, responsable do Área de Vacún de Carne de Unións Agrarias-UPA. O debate abordou eixes clave para o sector como o impacto das novas enfermidades na cabana gandeira, con Juan Carlos López Loureiro (veterinario clínico); a situación dos mercados do vacún de carne, a cargo de José Ramón González (responsable de Gandería de UPA); e o futuro da PAC, presentado por Fernando Fernández (do gabinete técnico de UPA).

Tras o peche da xornada, os asistentes compartiron un xantar de confraternización para fomentar o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here