Home Lugo e contorna Lugo O aparcadoiro disuasorio do Ceao, Lugo, terá capacidade para 117 prazas

O aparcadoiro disuasorio do Ceao, Lugo, terá capacidade para 117 prazas

0
O aparcadoiro disuasorio do Ceao, Lugo, terá capacidade para 117 prazas
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou xunto co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o delegado territorial da Xunta e concelleiros do equipo de goberno as obras do novo aparcadoiro disuasorio do polígono do Ceao, onde puideron comprobar a evolución dos traballos para habilitar 117 novas prazas de estacionamento.
Candia destacou o carácter estratéxico do proxecto pola súa localización, nunha das entradas á cidade. En referencia ao antigo parque de enerxías alternativas, que nunca chegou a funcionar como estaba previsto, a alcaldesa sinalou que “era un exemplo de obra do que non se debe facer”, ao tratarse dunha actuación na que se dilapidaron recursos públicos sen que chegase a cumprir a finalidade para a que fora concibida. Fronte a iso, o novo aparcadoiro busca dar resposta a unha necesidade real, aproveitar de maneira eficiente os recursos públicos e recuperar un espazo en desuso ademais de mellorar a imaxe desta entrada a Lugo. Candia agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para facer posible esta actuación.
A intervención desenvólvese nunha superficie aproximada de 5.096 metros cadrados, entre as rúas Benigno Rivera, da Industria e da Agricultura. O proxecto permitirá recuperar este espazo municipal e poñelo ao servizo das persoas que traballan no polígono e das que acoden diariamente ás empresas e servizos da zona.
O investimento comprometido ascende a 427.450,65 euros, financiados ao 50 % polo PAI Novo Norte, con fondos europeos FEDER, e ao 50 % pola Xunta de Galicia.
O novo aparcadoiro contará cunha entrada pola rúa da Industria e unha saída pola rúa da Agricultura, co obxectivo de ordenar a circulación interior e facilitar o uso das instalacións. O proxecto incorpora tamén a conservación das árbores e das zonas verdes existentes, pavimentos permeables nas prazas convencionais e un sistema de drenaxe que favorece a infiltración da auga da chuvia. Ademais, prevé prazas reservadas para persoas con discapacidade e espazos preparados para a futura recarga de vehículos eléctricos.

Unha rede de aparcadoiros disuasorios para a cidade

A actuación do Ceao enmárcase no traballo para crear unha rede de aparcadoiros disuasorios en distintos puntos de Lugo, co obxectivo de ampliar as alternativas de estacionamento e facilitar a mobilidade.
Neste contexto, o Concello informou de que xa se presentaron os proxectos para executar outros tres aparcadoiros disuasorios, situados na rúa Primavera, na avenida de Vilaverde e na rúa Xosé Castiñeira.
Estes proxectos súmanse á planificación anunciada para habilitar 293 novas prazas de estacionamento en oito puntos da cidade, unha iniciativa orientada a mellorar as posibilidades de aparcamento en diferentes zonas de Lugo.
+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here