O Consello da Xunta tamén deu luz verde á contratación, cun investimento de 2.101.483,87 euros, da subministración sucesiva de material para realizar hemodiálise na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Segundo desenvolveu nunha nota de prensa, este contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prorrogarse por 24 meses máis. Neste caso, o seu valor estimado ascende a 4.101.336,80 euros. En concreto, entre o material que será adquirido haberá dializadores, filtros, liñas arterio-venosas, catéteres, desinfectantes ou equipamento para a realización de técnicas de hemodiálise.
Así pois, o expediente pretende homoxeneizar a compra destes produtos en todo o sistema sanitario público galego, mellorando o prazo de adquisición e co obxectivo dunha asistencia sanitaria de calidade e de continuidade asistencial e seguridade para o paciente.
PROXECTO XENOMA
A Xunta iniciou este martes no hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA) as extraccións de sangue da nova fase do Proxecto Xenoma, coa toma de mostras das persoas convidadas a participar, seleccionadas de modo aleatorio (case 400 persoas do distrito sanitario).
O proceso alongarase no HULA ata o 29 de outubro, en horario de tarde e non é necesario acudir en xaxún. O persoal sanitario informa os participantes de todo o proceso durante as extraccións. Para esta nova toma de mostras, enviáronse de forma aleatoria 1.947 mensaxes de invitación a persoas da área sanitaria de Lugo e o obxectivo é chegar a 389 extraccións.