Home Lugo e contorna Lugo O Concello de Lugo aproba 200.000 euros para mantemento de centros educativos

O Concello de Lugo aproba 200.000 euros para mantemento de centros educativos

0
O Concello de Lugo aproba 200.000 euros para mantemento de centros educativos
A Xunta de Goberno Local avanzou este martes en varias actuacións orientadas á conservación das instalacións municipais, á mellora dos servizos públicos e ao apoio ás persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego.
Un dos principais acordos foi a aprobación do expediente para contratar os traballos de mantemento, conservación e reparación dos colexios de Educación Infantil e Primaria e das escolas infantís municipais. O contrato contará cun orzamento base de licitación de 200.000 euros, IVE incluído, e terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórrogas por outros dous. Para iniciar a contratación, autorizouse unha distribución do gasto de 50.000 euros en 2026 e 150.000 euros en 2027.
No ámbito social, aprobouse unha subvención nominativa de 3.000 euros a FADEMGA Plena Inclusión Galicia para financiar durante 2026 o Servizo de Información e Orientación Laboral (SIOL) e o Servizo de Apoio para o Emprego (SAE), dirixidos a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. A achega formalizarase mediante un convenio de colaboración co Concello.

A mellora da atención turística ás persoas visitantes concretouse tamén na ampliación do horario do quiosco de información turística da Praza Maior durante o inverno. O Concello aprobou a modificación do contrato para que este punto permaneza aberto de 10:00 a 18:00 horas, entre o 15 de outubro e o 31 de maio, atendido por unha persoa do servizo de información turística. A medida incorpora 1.832 horas anuais adicionais e supón un incremento de 39.745,79 euros, IVE incluído.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente para adquirir unha nova pickup 4×4 equipada con guindastre e cesta elevadora, destinada aos servizos eléctricos do medio rural. O vehículo será de nova fabricación e primeira matriculación e contará con mantemento preventivo e revisións periódicas incluídos no contrato. A operación contempla tamén a retirada do antigo vehículo municipal e ten un gasto autorizado de 104.998,96 euros.

Por outra banda, aprobouse a primeira prórroga da concesión da cafetería-restaurante do CEI-Nodus, entre o 13 de decembro de 2026 e o 12 de decembro de 2027. Mantívose o canon mensual de 706 euros, que representa uns ingresos anuais de 8.472 euros para o Concello.

Actuacións para rehabilitar edificios e axustar as licenzas á documentación

No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local propuxo conceder licenza para a reestruturación integral do edificio situado no número 16 da rúa do Progreso. O proxecto, cun orzamento de 437.893,14 euros, prevé catro vivendas, ademais de espazos non residenciais e unha oficina. A intervención deberá contar co correspondente control arqueolóxico.

Ademais, rectificouse un erro material na licenza concedida a Luseryma S.L. para construír un edificio de 60 vivendas na rúa Montirón. A corrección permitiu axustar a licenza aos planos do proxecto de execución, que recollen 62 trasteiros en lugar dos 60 indicados inicialmente, sen modificar o resto das condicións autorizadas.
OBRAS CAMPO CASTELO E RÚA NOVA
O Concello de Lugo inicia esta semana as obras de renovación do pavimento de Campo Castelo e a Rúa Nova, tal e como anunciara antes do San Froilán. Os traballos buscan mellorar o estado do firme e empregar materiais máis resistentes ao paso dos vehículos.
As actuacións, adxudicadas por un importe conxunto de 174.530 euros, desenvolveranse en dous puntos do centro histórico.  As actuacións consistirán na substitución do pavimento deteriorado por unha solución que combina baldosa de granito nos laterais e adoquín sobre unha capa de morteiro de cemento na zona central. Este sistema permitirá mellorar a durabilidade do firme e facilitar a substitución de pezas individuais cando sexa necesario.
En Campo Castelo, cuxa intervención comenza hoxe centrarase no tramo comprendido entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial. Na rúa nova as actuacións vanse iniciar a finais de semana. O prazo de execución previsto para cada unha das obras é de dous meses.
Renovación da rúa Milagrosa: substitución completa do saneamento
Pola súa banda, as obras da rúa Milagrosa, que comezaron tras as festas do barrio, atópanse xa moi avanzadas. A actuación incorpora unha mellora importante respecto do proxecto inicial: a renovación completa da rede de saneamento, tras detectarse problemas nas canalizacións existentes.
Os traballos inclúen a renovación dos colectores, dos pozos de rexistro e das acometidas domiciliarias, ademais das actuacións previstas para transformar a rúa nun espazo de plataforma única, con prioridade peonil. Con estas intervencións, o Concello continúa desenvolvendo actuacións de mellora dos espazos públicos en distintos puntos da cidade, tanto mediante a renovación de pavimentos deteriorados como coa modernización de infraestruturas soterradas esenciais para o funcionamento das rúas.
+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here