Home Economía UGT desconvoca a folga no comercio da alimentación de Lugo tras pechar un acordo de convenio ata 2029

UGT desconvoca a folga no comercio da alimentación de Lugo tras pechar un acordo de convenio ata 2029

0
UGT desconvoca a folga no comercio da alimentación de Lugo tras pechar un acordo de convenio ata 2029
Traballadores do sector do comercio de alimentación maniféstanse en Lugo.. CIG

A folga e a manifestación previstas para este sábado no sector do comercio da alimentación de Lugo foron desconvocadas tras acadar UGT un acordo para un novo convenio colectivo, unha decisión que a CIG critica por terse producido “de costas ás persoas traballadoras” e “fóra da comisión negociadora”. Segundo trasladou UGT nunha nota de prensa, o novo convenio terá vixencia ata 2029 e inclúe, entre outras medidas, un incremento salarial do 16 % ata ese ano, unha redución progresiva da xornada anual ata as 1.786 horas e “unha fin de semana de calidade cada tres meses”.

Así mesmo, o acordo establece a prioridade da xornada continuada nas tendas con horario de apertura ininterrompido que conten con polo menos 15 postos de traballo. Con este pacto, UGT Lugo considera que “se dá resposta a unha parte fundamental das reivindicacións formuladas durante a negociación”, cunha mellora salarial significativa e avances concretos en xornada, descanso, conciliación, vacacións e dereitos laborais.

“UNHA OPORTUNIDADE PERDIDA”

Pola contra, a CIG lamentou que este acordo supoña “unha oportunidade perdida” para lograr un convenio “substancialmente mellor”. Para a central sindical, UGT “antepón os intereses empresariais á mellora das condicións laborais e salariais do persoal” e, en lugar de sumarse a unha mobilización que “se prevía exitosa” e que “podería supor un punto de inflexión nas negociacións”, decidiu avalar un acordo que, ao seu xuízo, “segue deixando os salarios de Lugo á cola do país”.

A CIG tamén critica que o pacto continúe afondando na desigualdade respecto das condicións xa recoñecidas ao persoal das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. Neste contexto, a central sindical salientou que o obxectivo da negociación non debería ser “simplemente mellorar o convenio anterior”, senón “avanzar na converxencia real das condicións co resto de Galicia”.

CC.OO. CUALIFICA O PACTO DE “INSUFICIENTE”

Pola súa banda, Comisións Obreiras cualificou de “insuficiente” o pacto acadado por UGT e asegurou que “non responde ás necesidades reais dos traballadores do sector”. O sindicato considera “especialmente grave” que o acordo se producise “sen convocar unha reunión da mesa negociadora” na que todas as organizacións puidesen coñecer as posicións das partes. Segundo CC.OO., esta forma de actuar “está a se converter en habitual nas relacións entre UGT e a Confederación de Empresarios de Lugo na provincia” e cita como precedentes o convenio do comercio téxtil en Lugo ou o de Oficinas e Despachos.

Así mesmo, lamentou que se perda “unha nova oportunidade” para avanzar cara á equiparación das condicións laborais no sector da alimentación en toda Galicia. “Mentres noutras provincias, os cadros de persoal de Lugo manteranse entre os que perciben menores salarios e contan coas peores condicións do sector”, censurou. En definitiva, CC.OO. reprochoulle ao acordo que “continúa afondando nun modelo de negociación” baseado en aceptar “posicións de mínimos”, en lugar de defender un proceso de converxencia que permita que as persoas traballadoras de Lugo teñan os mesmos dereitos que as súas compañeiras e compañeiros da Coruña, Pontevedra ou Ourense.

NA CORUÑA MANTÉÑENSE OS PAROS

A situación é diferente na provincia da Coruña, onde se manteñen os paros convocados por CC.OO., CIG, UGT e USO para os días 10, 11 e 13 de outubro no marco do conflito polo convenio colectivo. Os sindicatos teñen programadas concentracións, piquetes informativos e unha manifestación para reclamar avances na negociación e unhas condicións salariais e laborais “dignas”. Na comarca da Coruña, os piquetes informativos comezarán este sábado ás 5.00 horas en Piadela. A mesma acción repetirase o martes 13, á mesma hora e no mesmo lugar.

Ese sábado, en Santiago de Compostela, haberá tamén unha concentración ás 12.00 horas diante do supermercado Gadis da rúa Montero Ríos. As mobilizacións continuarán o martes 13 con novas accións nas dúas zonas. En Santiago, os piquetes están convocados ás 08.00 horas en San Lázaro. Na comarca da Coruña, haberá piquetes ás 05.00 horas en Piadela e ás 09.45 horas no centro comercial Cuatro Caminos. En Ferrol, os piquetes concentraranse ás 08.00 horas no aparcadoiro próximo ao McDonald’s. A xornada rematará cunha manifestación que sairá ás 12.00 horas da praza de Lugo, na Coruña.

+ posts