A CIG convocou unha xornada de folga no comercio de alimentación da provincia de Lugo para o próximo 10 de outubro ante a “falta de avances” na negociación do convenio colectivo e a “rotunda negativa” da patronal a asumir as reivindicacións sociais formuladas.
Nun comunicado, o sindicato animou o conxunto do persoal do sector a secundar o paro e a participar na manifestación convocada ás 11.00 horas no Hiper Froiz de Montero Ríos, en Lugo. “Non a todo. Así se resume a postura que a patronal do comercio de alimentación, liderada por Gadis e Froiz, está a manter na negociación do convenio provincial de Lugo”, criticou a CIG. O sindicato acusa ademais a patronal de atrasar deliberadamente a constitución da mesa negociadora para renovar o marco regulador.
Segundo o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xosé Paz, aos traballadores do sector está a tratárselles como “traballadores de segunda”. Paz sostén que o convenio de Lugo é o “peor pagado” de toda Galicia, cunha diferenza nas retribucións que “chega aos 200 euros ao mes”. Para reducir esta fenda, a CIG reivindica un convenio de dous anos cun incremento salarial do 14 % para 2026 e do 5 % para 2027.
“Non se trata de ningunha petición disparatada. O pasado ano, estas mesmas empresas asinaron en Ourense un convenio cunha subida do 12 % para 2025 e do 6,3 % para 2026”, defendeu Paz. Fronte a isto, criticou a proposta que, segundo o sindicato, formulan Gadis e Froiz para Lugo: un convenio a catro anos con subidas do 3,5 % en 2026, do 2,5 % en 2027 e do 2 % en 2028 e 2029. “Aquí, Gadis e Froiz quérennos meter no vagón de cola cun convenio a catro anos con subidas miserables”, lamentou Paz.