InicioCulturaO San Froilán programa 346 actividades e pechará cun espectáculo de 500...

O San Froilán programa 346 actividades e pechará cun espectáculo de 500 drones e a Orquestra Panorama

As festas de Lugo desenvolveranse do 4 ao 12 de outubro cun programa que combina música, cultura, deporte, gastronomía e 47 propostas infantís; o recinto feiral comeza a funcionar xa este sábado

PUBLICADA O

- Advertisement -

O San Froilán 2026 contará con 346 actividades entre o 4 e o 12 de outubro repartidas por diferentes espazos de Lugo. O Concello presentou este venres a programación completa das festas, baixo o lema ‘San Froilán para todos’, cun calendario no que teñen presenza a música, a cultura tradicional, as propostas infantís e xuvenís, o deporte, a gastronomía e a artesanía.

A alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, deron a coñecer un programa que xa pode consultarse en sanfroilan.info e que reserva parte do protagonismo para artistas, colectivos e agrupacións locais. O calendario oficial comezará o domingo 4, pero a actividade no recinto feiral adiantarase ao sábado 26 de setembro, coa apertura das barracas e das casetas do polbo.

Unha das principais novidades chegará precisamente na última xornada das festas. O 12 de outubro, antes da actuación coa que a Orquestra Panorama pechará o San Froilán en Sanfiz, está previsto un espectáculo con arredor de 500 drones. A formación actuará nun escenario de 64 metros e o Concello calcula que a exhibición aérea poderá observarse desde unha zona situada a uns 400 ou 500 metros do recinto.

Vázquez definiu a montaxe como “o maior de Galicia”. A celebración estará condicionada polas condicións meteorolóxicas e substitúe os tradicionais fogos artificiais con foguetes, que o Concello decidiu retirar da programación para reducir as molestias ás persoas con sensibilidade ao ruído e aos animais.

Nesa mesma liña, o feiral contará cunha hora sen ruído entre as 17.00 e as 18.00 horas, período no que as atraccións deberán baixar o seu volume. Ademais, porase en marcha un servizo de préstamo de cascos antirruído para quen os precise.

Outra das incorporacións desta edición será ‘Alento’, unha escultura de madeira realizada polo artista lucense Xoán Vila que representa un gaiteiro. A peza, cunha altura prevista de entre 2,30 e 2,50 metros, instalarase na denominada rotonda falsa da contorna do recinto feiral para recibir as persoas que se acheguen ás festas.

A instalación concíbese inicialmente para o San Froilán, aínda que o Concello deixa aberta a posibilidade de que permaneza posteriormente na cidade se a resposta á iniciativa é positiva.

O público infantil e familiar disporá de 47 actividades dentro do San Froilán Miúdo. A oferta combina espectáculos, concertos, xogos, iniciativas itinerantes e propostas creativas con nomes como Diminuts, Carrusel Ambulante, Pica Pica, Triplette, A Caixeta, Zirco Zaurre, Xogos ao Grande, Xogar de Breogán ou A Granola Gominola.

Entre as citas previstas figura tamén o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que se celebrará o domingo 11 de outubro ás 18.30 horas no patio do Edificio Administrativo do Concello. Para o público xuvenil haberá, pola súa banda, propostas vinculadas ao Hip Hop, San Froidance e Electronic Lucus Fest.

Cultura incidiu durante a presentación no peso que terán os creadores e agrupacións de Lugo. Segundo explicou o Concello, esta parte da programación foi deseñada tendo en conta propostas e demandas recollidas durante os últimos meses.

As verbenas volverán ser outro dos eixos das festas, con 13 orquestras distribuídas en catro localizacións ao longo das nove xornadas. Pola Praza Maior pasarán Marbella, Principal, Os Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Crave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dourada.

Fóra deste espazo actuarán París de Noia, en Augas Férreas; Panorama City, no Agro do Rolo, e a Orquestra Panorama, que ofrecerá o concerto final en Sanfiz.

A estes nomes súmanse os grandes concertos anunciados a finais de agosto para a Praza do Seminario, onde actuarán Nil Moliner, Sidecars, The Rapants, Loito RK, Santiago Auserón, Celtas Curtos, Malú, Juan Magán, A Penúltima e Os Diaños.

A Praza de Santa María terá un perfil diferente, cunha programación centrada na música tradicional, a cultura galega e a participación de colectivos da cidade. Haberá corais, bandas, gaiteiros, danza e zanfonas, ademais de actuacións da Banda Filarmónica e Brath, a Orquestra Terra Nova cun espectáculo de zanfonas, o ciclo de humor San Froilán Sorrí, O Kiki e o Cante das Minas, nun espectáculo do Teatro Real, e propostas de Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros e Xisco Feijoo.

DEZASETE CITAS DEPORTIVAS E UNHA NOVA FEIRA DE ANTIGÜIDADES

O programa reserva tamén espazo para o deporte, con 17 actividades en diferentes instalacións de Lugo. Haberá competicións e exhibicións de judo, fútbol sala, voleibol, baloncesto, tenis, golf, atletismo, fútbol, billar, petanca e automobilismo.

Entre as probas programadas están o 51º Trofeo San Froilán de Judo, o XXV Torneo de Tenis, o XXX Torneo de Golf, a III Milla Urbana Lucus e o 48 Rally San Froilán, ademais doutros encontros deportivos ao longo das festas.

A artesanía, a gastronomía e a cultura suman outras 19 actividades, entre elas a Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte. Como novidade, A Mosquera acollerá tamén unha feira de antigüidades con arredor de 15 postos durante seis días, distribuídos en tres fins de semana e con inicio xa neste último de setembro.

O RECINTO FEIRAL ABRE ANTES DO PREGÓN

As barracas e as casetas do polbo comezarán a funcionar este sábado 26 de setembro, máis dunha semana antes da apertura oficial do San Froilán. A previsión municipal é que permanezan abertas ata o 12 de outubro, aínda que o Concello estuda ampliar a actividade ata o día 13 e dedicar esa xornada ao Día do neno. Esta posibilidade deberá abordarse previamente co resto dos grupos políticos.

As festas arrancarán formalmente o domingo 4 de outubro ás 12.00 horas co pregón de Sonsoles Ónega desde o balcón da Casa do Concello. Media hora máis tarde sairán pola Praza Maior e as rúas do centro Os Pelúdez entre nós, Xigantes e Cabezudos e Cantigas e Frores.

Candia agradeceu durante a presentación o traballo do equipo de Cultura para completar a programación e volveu reclamar a colaboración económica da Deputación de Lugo. A alcaldesa pediu á institución provincial que “reconsidere” a súa postura e manteña as axudas ás festas para, segundo afirmou, poder “facer un San Froilán que é patrimonio de todos”.

+ posts

ÚLTIMAS

O PP denuncia que o Goberno “non ten data” para abrir a nova estación intermodal de Lugo

Os senadores do PP de Lugo advertiron de que o Goberno de España “non...

Susie Q’s e Doc Magoo’s pecharán un exitoso ciclo de concertos na Terraza do Pazo de Lugo

A Terraza do Pazo, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, presentaba a...

Tino Alvite deixa a súa acta como concelleiro do BNG en Vilalba por motivos persoais

O concelleiro do BNG de Vilalba, Tino Alvite, renunciou á súa acta por motivos...

Localizan en Lugo un cadáver que podería ser o de Isaura Vázquez, desaparecida desde xullo de 2025

O cadáver dunha muller foi localizado este mércores en avanzado estado de descomposición nas...