Axentes da Policía Local de Lugo detiveron unha muller como presunta autora dun delito de atentado contra axentes da autoridade, tras tentar agredir os policías que interviñeron nunha pelexa na que estaba implicada.
Os feitos ocorreron na noite do pasado luns, cando unha patrulla policial acudiu á Praza de Ferrol alertada por unha pelexa entre un home e unha muller. Ao chegar, a parella asegurou que non había tal pelexa e que estaban de broma, aínda que o varón tiña as costas completamente riscadas.
Os policías marcharon, pero, uns momentos despois, unha dotación tivo que volver acudir porque a mesma parella volvía estar a pelexar. Os axentes tiveron que intervir para separalos e a muller mostrou unha actitude hostil en todo momento cara ao home, intentando lanzarse sobre el. Así mesmo, a muller tamén arremeteu contra os axentes, aos que tratou de golpear varias veces, polo que foi detida. No seu traslado a un centro sanitario intentou de novo propinarlle unha patada a un dos policías.
DETENCIÓN PARELLA
Por outra banda, Axentes da Policía Local de Lugo detiveron tamén a outra parella como presuntos autores dos delitos de violencia de xénero (o home) e violencia doméstica (a muller), tras agredírense mutuamente.
CARNÉ DE CONDUCIR FALSO
Por outra banda, a Policía Local de Lugo denunciou un condutor dunha motocicleta por un presunto delito de falsidade documental e por un delito contra a seguridade viaria. Os feitos producíronse cando unha patrulla do 092 lle solicitou a documentación a este condutor, e os axentes comprobaron que o permiso de conducir, expedido en Venezuela, parecía non ser auténtico. Finalmente, constataron que, en efecto, se trataba dun documento falsificado e que o condutor non puido acreditar ter unha autorización administrativa en vigor.
