InicioLugo e contornaLugoAprobado o regulamento da carreira profesional no Concello de Lugo

Aprobado o regulamento da carreira profesional no Concello de Lugo

O novo sistema afectará aos 571 traballadores do Concello de Lugo, tanto ao persoal funcionario como ao laboral, incluídos os funcionarios interinos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este venres o proxecto de Regulamento da carreira profesional horizontal e de avaliación do desempeño do persoal municipal, tras o acordo unánime alcanzado cos representantes sindicais na Mesa Xeral de Negociación do pasado 23 de xuño.

O novo sistema afectará aos 571 traballadores do Concello de Lugo, tanto ao persoal funcionario como ao laboral, incluídos os funcionarios interinos. A súa aplicación permitirá recoñecer a experiencia, a formación e o desempeño profesional sen que sexa necesario cambiar de posto de traballo.

O regulamento establece distintos graos de progresión dentro de cada grupo profesional. O acceso a estes niveis estará condicionado ao cumprimento dos requisitos fixados na norma e a un sistema de avaliación do desempeño. A implantación será gradual e está prevista para desenvolverse durante un período de tres anos.

O proxecto contempla un grao inicial sen remuneración e catro niveles posteriores asociados a un complemento específico de carreira profesional. As contías anuais dependerán do grupo ou subgrupo de clasificación, e da A1 á máis baixa é de 2.800 a 1.800 euros.

Cada traballador poderá acumular ata catro graos recoñecidos. As cantidades abonaranse en 14 mensualidades e actualizaranse conforme aos incrementos retributivos que establezan as sucesivas leis de orzamentos xerais do Estado para o persoal das administracións públicas.

O proxecto sinala como obxectivos do sistema o recoñecemento da competencia profesional, o impulso da formación e actualización de coñecementos, o fomento da implicación do persoal e a mellora da prestación dos servizos públicos.

A aplicación do complemento será progresiva, de acordo co informe de Intervención, co obxectivo de preservar a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira do Concello. O mesmo informe considera compatible este complemento co de produtividade, sempre que non se remunere dúas veces un mesmo concepto.

O Concello prevé levalo ao pleno en setembro Tras a súa aprobación pola Xunta de Goberno Local, o proxecto continuará agora a súa tramitación administrativa. A previsión municipal é levalo ao pleno de setembro para a súa aprobación inicial e sometelo posteriormente aos trámites necesarios ata a súa entrada en vigor.

A alcaldesa vinculou a aprobación do regulamento ás medidas adoptadas polo actual goberno local para reorganizar o persoal e mellorar os servizos municipais. Entre elas citou as ofertas de emprego público específicas para Policía Local e Bombeiros, a execución de resolucións xudiciais pendentes e actuacións relacionadas coa Banda Municipal e a Escola Municipal de Música.

Durante a súa comparecencia, a rexedora tamén se referiu a a execución do orzamento de persoal de 2025. Segundo os datos achegados polo goberno local, ese exercicio orzáronse 37,77 millóns de euros para gastos de persoal e finalmente executáronse 32,86 millóns, unha diferenza de 4,91 millóns.

O goberno municipal sostén que a aprobación do regulamento supón un avance na ordenación dos recursos humanos do Concello e establece un marco obxectivo para a progresión profesional do seu persoal.

Por outra banda, a alcaldesa non dubidou novamente en eloxiar o traballo que levan a cabo os distintos traballadores municipais e insistiu na necesidade de tomar medidas como esta “para non perder o talento local”.

+ posts

ÚLTIMAS

Terra Nova abrirá o San Froilán cun DJ sinfónico e estreará a súa primeira ópera en 2027

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova afrontará a tempada 2026-2027 cun programa que...

Candia anuncia que duplicará as axudas para proxectos de entidades sociais

O Concello de Lugo incrementará de xeito significativo o seu apoio económico ás entidades...

Hospitalizados no HULA cinco nenos por chupar e tocar pílulas que podería ser éxtase

Cinco menores de sete anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti...

O PP reclama un plan de choque para “frear a sangría” de autónomos na provincia de Lugo

Os senadores do PP de Lugo defenderán este mércores no Senado unha iniciativa para...