O Concello de Lugo rendeu homenaxe este luns ao enxeñeiro e exalcalde popular Tomás Notario Vacas co descubrimento dunha placa conmemorativa na contorna da Ponte Nova, un recoñecemento promovido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia para pór en valor a súa decisiva contribución á transformación da cidade.
O decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Enrique Urcola Fernández-Miranda, reivindicou a figura de Notario Vacas como “o home que deseñou o esqueleto do Lugo moderno”. Destacou especialmente o seu papel na planificación dos accesos á cidade, a construción da Segunda Rolda e da ponte das Saamasas, unha infraestrutura que, no momento da súa inauguración, constituíu unha marca en España cos seus 42 metros de altura e 468 de lonxitude.
Urcola lembrou ademais a brillante traxectoria profesional do homenaxeado, que ocupou importantes responsabilidades no antigo Ministerio de Obras Públicas e xestionou proxectos e infraestruturas en distintos puntos de España. Entre elas, subliñou o seu labor como coordinador das actuacións para paliar os efectos das graves inundacións de Biscaia. “Foi un enxeñeiro humanista e un referente profesional para varias xeracións”, afirmou.
Pola súa banda, unha emocionada María Reigosa, vogal da demarcación lucense do Colexio, destacou que a miúdo se esquece que detrás das grandes infraestruturas existen persoas que as fan posibles. Sinalou que a ponte das Saamasas é unha das obras máis visibles de Tomás Notario e expresou a súa satisfacción porque Lugo recoñeza publicamente o seu legado e traxectoria.
Durante a súa intervención, o propio Tomás Notario Vacas lembrou as dificultades que presentaban as estradas nacionais na década de 1970, cando os accesos a Lugo atopábanse nun estado que cualificou como unha “auténtica desfeita”, explicando que a construción da ponte das Saamasas xurdiu tras un grave accidente ocorrido no Romano, o que obrigou a buscar unha alternativa segura para a mobilidade da cidade.
O enxeñeiro, que é xa centenario, relatou que, tras estudar distintas opcións, elixiuse unha zona onde o río tiña unha anchura aproximada de 90 metros, decisión que permitiu desenvolver posteriormente a actual Avenida das Américas. Manifestou orgulloso tamén que a prensa da época cualificou o inicio daquelas obras como un “día histórico para Lugo”.
PROXECTOS DE FUTURO
Notario aproveitou o acto para defender novos proxectos de futuro para a cidade, entre eles a aspiración de que Lugo forme parte do Patrimonio da Humanidade no seu conxunto e a creación dun gran centro de investigación e ensino vinculado á romanización. Neste sentido, propuxo que o Museo da Romanización poida situarse no antigo Fogar de Santa María, mediante un acordo institucional que incluiría tamén a cesión do Cuartel de San Fernando.
A alcaldesa, Elena Candia, destacou que a homenaxe deste luns é un acto de “xustiza e gratitude” cara a unha das persoas que máis influíron na construción do Lugo moderno.
Lembrou a súa participación noutros proxectos crave para o desenvolvemento urbano, como a Rolda da Muralla, a Segunda Rolda de Circunvalación ou a circunvalación da N-V, ademais de numerosas infraestruturas, equipamentos e actuacións urbanísticas que marcaron o crecemento da cidade nas últimas décadas, como a ampliación do polígono do Ceao, o parque de bombeiros, dous institutos, dous polideportivos, as pistas dás Pedreiras e tres centros de saúde.
Tamén estivo no inicio do Campus Universitario e na construción da súa residencia de estudantes; no desenvolvemento do Plan Xeral de 1991, do PEPRI que segue vixente e do Plan Especial do Campus. Participou na habilitación de chan para máis de seis mil vivendas, das cales ao redor de setecentas foron de protección pública.
Así mesmo, interveu na adquisición dos terreos que hoxe conforman o Parque do Miño, na chegada da rede de gasificación a Lugo, na eliminación de numerosos obstáculos urbanísticos que dificultaban a mobilidade e na mellora de servizos e infraestruturas no medio rural lucense.
A homenaxe concluíu co descubrimento da placa conmemorativa, que perpetuará o recordo dun dos enxeñeiros e responsables públicos que máis contribuíron ao desenvolvemento urbano, económico e social de Lugo.
A DEPUTACIÓN TAMÉN PARTICIPA NO ACTO DE RECOÑECEMENTO
O Deputado Miguel Fernández participou este luns no acto de descubrimento do monólito conmemorativo dedicado ao enxeñeiro lucense Tomás Notario Vacas na ponte das Saamasas, unha homenaxe coa que a cidade recoñece a súa contribución ao desenvolvemento urbano e á mellora da mobilidade en Lugo. O Deputado provincial destacou o legado dun profesional que deixou unha pegada duradeira na transformación da capital lucense e puxo en valor unha infraestrutura que, máis de medio século despois da súa construción, continúa sendo unha conexión fundamental para a cidade e un exemplo da importancia do seu traballo ao servizo do interese público.
