A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela López, mantivo este venres a súa primeira reunión institucional no Pazo de San Marcos, na que abordaron iniciativas como a recuperación do polideportivo da OJE, a remodelación do Protectora, as brigadas do parque móbil, as festas de San Froilán ou as obras da rúa Adolfo Suárez.
A reunión enmárcase dentro da rolda de contactos que a Presidencia da Deputación está a manter con alcaldes e alcaldesas lucenses co obxectivo de coñecer as necesidades de cada municipio e reforzar a cooperación institucional. O encontro coincidiu coa formalización do convenio de colaboración para financiar o Arde Lucus 2026, cuxa firma tivo lugar apenas unha hora despois da súa aprobación pola xunta de goberno da deputación e permite destinar 50.000 euros ao desenvolvemento da festa romano-castrexa, que estes días volve encher as rúas de Lugo de actividades culturais, recreacións históricas e miles de visitantes.
“Con esta achega, a Deputación reafirma o seu compromiso cun evento considerado estratéxico polo seu impacto turístico, cultural e económico tanto para a cidade como para o conxunto da provincia”, explicou Carmela López. Os fondos achegados pola Deputación contribuirán a financiar diferentes iniciativas vinculadas á celebración, entre elas a ambientación temática da cidade, actividades singulares como o Circo Romano ou a instalación de Puntos Violeta, reforzando así tanto a oferta cultural como a vertente social e de sensibilización do evento.
As DEMANDAS DO GOBERNO LOCAL
Un dos principais asuntos expostos pola alcaldesa foi a recuperación do antigo polideportivo da OJE, un inmoble actualmente sen uso situado xunto ao edificio principal da Deputación. Candia trasladou á presidenta provincial a conveniencia de colaborar para rehabilitar estas instalacións e transformalas nun espazo destinado á mocidade. Outro dos temas centrais da reunión foi o futuro da Protectora de Animais de Lugo. Neste sentido, Candia solicitou a implicación da Deputación no convenio de colaboración que o Concello está a ultimar xunto coa Xunta de Galicia para acometer melloras e ampliar as instalacións actuais.
Durante o encontro tamén se abordou a situación das brigadas do Parque Móbil Provincial que tradicionalmente colaboraban co Concello en labores de mantemento e conservación de camiños e vías municipais. Candia trasladou á presidenta provincial a conveniencia de recuperar este servizo, suspendido desde o pasado 4 de maio, pola utilidade que supuña para a execución de traballos de conservación en distintos puntos do municipio. Así mesmo, a alcaldesa defendeu a necesidade de manter a colaboración económica da Deputación coas festas de San Froilán.
A reunión permitiu ademais analizar o estado das obras da Fervedoira, concretamente no tramo comprendido entre a avenida Adolfo Suárez, desde a rotonda de Serra de Meira ata o final da zona edificada, unha actuación que ambas as administracións consideran relevante para a mellora da mobilidade e dos servizos urbanos nesta zona da cidade.
Segundo comunicou Elena Candia, o encontro desenvolveuse nun clima de “entendemento institucional e co compromiso compartido de continuar impulsando proxectos de interese para Lugo”. Tanto Concello como Deputación coincidiron na necesidade de “manter abertas as vías de colaboración para avanzar en iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da cidade, a mellora dos servizos públicos e o benestar dos veciños”.
