InicioLugo e contornaLugoO PP de Lugo acusa ao BNG de "desgoberno" nas contas municipais...

O PP de Lugo acusa ao BNG de “desgoberno” nas contas municipais no anterior goberno local

Un dos asuntos que centrou as críticas foi a xestión do Auditorio Fuxan vos Ventos. Segundo explicaron, o espazo comezou a funcionar sen unha ordenanza reguladora, sen taxas aprobadas e sen mecanismos claros de control administrativo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O goberno municipal de Lugo elevou este martes o ton da confrontación política cos seus antecesores, co foco no BNG, ao presentar un balance moi crítico da situación atopada en distintas áreas do Consistorio. Os concelleiros Antonio Ameijide e Javier Vázquez compareceron para expor o que cualificaron como un “decálogo do desgoberno” nacionalista, unha relación de problemas que, segundo denuncian, afectan actualmente o funcionamento dos servizos municipais e condicionan a xestión diaria do Concello.

Os edís populares sosteñen que, tras a imaxe de modernización e transformación urbana defendida polo anterior goberno, existe unha realidade marcada pola “falta de planificación, deficiencias administrativas e servizos públicos deteriorados”. Durante a súa intervención puxo o foco en áreas como Cultura, Urbanismo, mantemento urbano, transporte público ou persoal municipal.

Un dos asuntos que centrou as críticas foi a xestión do Auditorio Fuxan os Ventos. Segundo explicaron, o espazo comezou a funcionar sen unha ordenanza reguladora, sen taxas aprobadas e sen mecanismos claros de control administrativo. Ademais, aseguraron que as facturas derivadas da súa actividade entre febreiro de 2025 e febreiro de 2026, que ascenden a máis de 140.000 euros, atópanse actualmente “xudicializadas” tras ser cuestionadas por técnicos municipais.

Tamén sinalaron a situación da Rúa da Milagrosa, unha das principais actuacións urbanísticas desenvolvidas na cidade nos últimos anos. Os representantes do PP lembraron que as obras permaneceron paralizadas durante meses despois de que o anterior executivo decidise rescindir o contrato coa empresa adxudicataria, unha decisión que posteriormente foi obxecto de reparos por parte do Consello Consultivo de Galicia.

ORGANIZACIÓN MUNICIPAL

En materia de organización municipal, Ameijide e Vázquez criticaron a existencia de dúas brigadas de mantemento diferenciadas, unha vinculada ao PSOE e outra ao BNG, algo que, ao seu xuízo, dificultaba a coordinación e retardaba a resposta ante incidencias na cidade e que xa foron unificadas nunha soa.

As críticas alcanzaron tamén a algunhas das actuacións urbanísticas impulsadas polo Bloque. Entre elas citaron o Carril das Flores, “presentado no seu momento como un dos proxectos emblemáticos do mandato anterior” e que, segundo o actual goberno, necesita agora “revisións e modificacións por problemas de execución e planificación”.

Outro dos ámbitos cuestionados foi o transporte urbano. Os concelleiros populares denunciaron que continúan sen materializarse varias medidas anunciadas durante o pasado mandato, como a implantación dunha aplicación móbil para usuarios, a geolocalización en tempo real dos autobuses ou o correcto funcionamento dos paneis informativos. Ademais, mostraron dúbidas sobre a eficacia do sistema de transporte a demanda implantado no rural.

PRAZAS DE OFERTAS PÚBLICAS DE EMPREGO

No apartado de persoal, o goberno local acusou ao anterior goberno de deixar caducar 59 prazas correspondentes a distintas ofertas públicas de emprego, o que, segundo indicaron, provocou vacantes sen cubrir e problemas de funcionamento en servizos considerados esenciais.

A comparecencia serviu igualmente para denunciar problemas de xestión ordinaria. Entre eles, o goberno municipal destacou a acumulación de 244 vehículos no depósito municipal do Ceao pendentes de retirada, así como a existencia de coches abandonados durante longos períodos na vía pública e decenas de solicitudes de vao sen resolver, algunhas tramitadas desde o ano 2022.

CARENCIAS DE MANTEMENTO EN CENTROS EDUCATIVOS

Os responsables municipais tamén aseguraron detectar carencias de mantemento en centros educativos e problemas na organización de actividades extraescolares que afectaron a numerosas familias lucenses.

Finalmente, Ameijide e Vázquez lamentaron “a perda de servizos municipais que consideran estratéxicos para a vida cultural da cidade”, como a Banda Municipal de Música ou a Escola Municipal de Música, que permanece pechada e sen actividade desde fai máis dun ano.

“OPOSICIÓN DA OPOSICIÓN”

Pola súa banda, o BNG acusou ao goberno municipal do PP de centrar a súa estratexia política en “desprestixiar á oposición” e en “facer oposición da oposición” en lugar de xestionar a cidade. O concelleiro Alexandre Penas asegurou que os populares tentan “sementar dúbidas” sobre a etapa nacionalista ante a inminente presentación oficial de Rubén Arroxo como candidato á alcaldía, acto que se celebrará este mércores na Praza Maior coa presenza da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Penas sostén que o PP está preocupado polo peso político do BNG en Lugo e criticou que a alcaldesa Elena Candia alcanzase o goberno municipal “grazas a unha tránsfuga”. Ademais, lamentou a ausencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na cidade desde a chegada dos populares ao goberno local.

O edil nacionalista denunciou tamén as dificultades que se puxeron ao Conservatorio de Danza (dependente da Xunta) para utilizar o auditorio Gustavo Freire esta semana. “Nunca ocorrera algo así”, sinalou.

Fronte ás críticas do PP, o BNG reivindicou os principais proxectos impulsados durante a súa etapa no goberno municipal. Entre eles destacaron a apertura do auditorio, a mellora do servizo de autobús urbano, a creación do transporte a demanda no rural, as peonalizacións e reformas urbanas en distintos barrios ou as actuacións de mellora no Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade.

Os nacionalistas defenderon, ademais, o traballo realizado nos centros educativos e as brigadas municipais, así como a posta en marcha de iniciativas como os camiños escolares seguros.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo reactiva tras case cinco anos a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

O Concello de Lugo reactivou este martes a Mesa Local de Comercio despois de...

O único xulgado polo incendio mortal en Tableros Hispanos de Nadela nega a súa responsabilidade no sinistro

O xuízo polo incendio mortal rexistrado en 2019 na planta de Tableros Hispanos de...

Elena Candia deséxalle sorte aos deportistas que reprensetarán a Lugo no Mundial de Baile Deportivo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello aos integrantes...

O impacto dos vídeoxogos na saúde mental a debate nun acto organizado polo Concello de Lugo

O Concello de Lugo organiza este xoves, 11 de xuño, a conferencia "Deseñados con trampas:...