O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes aprobou por unanimidade MencIA, a estratexia de intelixencia artificial da institución provincial. Así se acordou na sesión ordinaria da corporación provincial celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, tras a proposta de Goberno que fixa os marcos do proxecto de IA propio a desenvolver entre o 2026 e o 2030. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables de todas as forzas políticas con representación, PSdeG, BNG, o Deputado non adscrito e PP.
A Presidenta da institución, Carmela López, destacou á entrada do Pleno que “a Deputación de Lugo será a primeira de Galicia, e das primeiras de España, en ter unha IA propia. Algo que nos permitirá ter soberanía tecnolóxica e unha axuda moi importante en tarefas mecánicas e de baixo valor”. Nese sentido, asegurou que será un valor diferencial do proxecto e unha decisión política “de primeira orde, que os datos dos lucenses non saian de Lugo” e tamén apuntou que a tecnoloxía “non vén a substituír, quen decide segue sendo unha persoa, porque manda a Administración pública, non un algoritmo”.
Nese sentido, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou durante o Pleno que estas dúas decisións de fondo “transformarán o funcionamento da Deputación por dentro; e por fóra, levando este mesmo modelo aos 67 concellos da provincia e a toda a veciñanza”. “MencIA vai permitir que esta provincia, das máis envellecidas e dispersas de España, teña os mesmos servizos dixitais que unha gran cidade”.
A IA da Deputación falará en galego, “porque se os algoritmos do mundo non aprenden o galego, o galego desaparecerá dos algoritmos; e o que desaparece dos algoritmos, dentro de vinte anos, desaparece da vida”. Polo tanto, concluíu o Deputado, trátase dunha cuestión “de supervivencia, non só unha cuestión técnica”.
Rivera finalizaba asegurando que a intelixencia artificial vai chegar á Administración pública de toda España nos vindeiros anos, e que ante a pregunta de se Lugo a importaba ou a construía aquí, “hoxe este pleno responde con MencIA: construímola aquí”.
Entre as cuestións aprobadas nesta iniciativa, o texto recolle tamén a constitución formal dun Comité de Gobernanza da IA da Deputación de Lugo coa composición prevista na estratexia, que garanta a representación dun membro de cada grupo político con presenza no Pleno; a oficina provincial de IA como órgano executivo do Comité; e impulsar a posta en marcha do Rexistro Provincial de Sistemas de IA. Ademais, o texto íntegro da estratexia de intelixencia artificial quedará publicado nos vindeiros días no portal de transparencia da Deputación de Lugo e na páxina web da entidade.
Sobre MencIA
Laboratorio MencIA, un dos eixos operativos da estratexia de intelixencia artificial da Deputación, estrutúrase en tres compoñentes: un motor, a infraestrutura tecnolóxica que executa os modelos de IA; unhas mans, as aplicacións e asistentes que permiten interactuar co sistema; e un cerebro, o sistema que conecta todos os elementos para que funcionen de maneira coordinada.
O ecosistema contará ademais con diferentes aplicacións destinadas a automatizar tarefas mecánicas e rutineiras en moito menos tempo, facilitando o labor do persoal da institución para que poida centrarse en tarefas de maior valor engadido. Entre as ferramentas previstas figuran un resumidor de documentos, extractores de texto, transcritores de audio, un monitor de edictos do BOE, un xestor intelixente do correo electrónico, un almacén de instrucións, unha calculadora de prazos da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público ou un analizador de convocatorias de axudas e subvencións.
Un horizonte de catro anos
MencIA terá un horizonte de implantación de catro anos, que comezará coa posta en produción das oito aplicacións e nove asistentes. No segundo semestre do 2026 e comezos do 2027 están previstos os primeiros pilotos. O despregamento interno completo producirase entre o 2027 e o 2028; e de cara ao final dos catro anos este novo ecosistema estea consolidado.
