A CIG presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra a empresa de maquinaria industrial Demaq Galicia, na que faleceu un mozo de 24 anos que estaba en prácticas tras caerlle enriba un tubo de 500 quilos nunha nave de Vilalba, en Lugo, o pasado 6 de maio. Nun comunicado, o sindicato demanda que se realicen as dilixencias de investigación necesarias para “esclarecer as causas e depurar responsabilidades”. Ademais, informa de que se personará como acusación particular na causa xudicial aberta.
“Existen indicios claros de que a empresa non cumpría coa lei de prevención de riscos ao non garantir unha protección eficaz e a integridade física do operario; e ademais non está acreditado que o traballador recibise a formación teórica e práctica necesaria sobre os riscos específicos do posto que desempeñaba”, afirma a CIG. O sindicato sinala que o mozo estudaba unha FP dual e faleceu mentres realizaba tarefas de ensamblaxe e manipulación de estruturas metálicas de gran tonelaxe.
Neste sentido, apunta que o convenio de colaboración subscrito pola Xunta e a empresa recolle a obriga de que o alumnado “teña superada a formación en prevención antes de iniciar as prácticas”. Porén, sostén que, “tendo en conta o plan de estudos do ciclo, parece claro que o traballador non contaba coa formación específica para os riscos reais que atopou: traballar con pezas de 500 quilos”.
“Este feito constitúe unha neglixencia tanto na supervisión da empresa como na coordinación co centro. A isto súmase que as tarefas de alto risco e carga física que realizaba o operario no momento do accidente non se corresponden coas funcións previstas no plan de formación e mesmo a avaliación de riscos da compañía non contempla a posibilidade de que persoas en prácticas realicen este tipo de actividades de alto perigo”, advirte.
Así mesmo, a CIG censura que este caso supón “o exemplo máis dramático e grave” do que implica, ao seu xuízo, a concepción actual da formación. Segundo o sindicato, esta pasa por “reducir a calidade educativa, avanzar na privatización do ensino e, sobre todo, fornecer as empresas de man de obra barata sen garantir a protección nin os dereitos laborais básicos do alumnado en prácticas”.
