InicioMovementos sociaisCentos de persoas protestan en Lugo pola retirada da bandeira palestina do...

Centos de persoas protestan en Lugo pola retirada da bandeira palestina do Vello Cárcere tras a chegada de Elena Candia á Alcaldía

A mobilización, convocada por Lugo por Palestina, concentrouse fronte ao centro cultural para denunciar a decisión adoptada pola nova rexedora na mesma xornada en que prosperou a moción de censura

PUBLICADA O

- Advertisement -

Centos de persoas concentráronse este sábado en Lugo para rexeitar a retirada da bandeira de Palestina do balcón do centro cultural O Vello Cárcere, unha decisión adoptada pola nova alcaldesa, Elena Candia, poucas horas despois de asumir o cargo tras a moción de censura que mudou o goberno municipal.

A protesta, convocada pola plataforma Lugo por Palestina, desenvolveuse diante deste edificio público, onde as persoas asistentes corearon consignas contra o novo executivo local, colocaron de maneira simbólica unha nova bandeira palestina xunto á entrada e cubriron as ventás con carteis de crítica política.

Durante o acto, Simón García, un dos organizadores e encargado de ler o manifesto, censurou que esta fose a primeira medida impulsada pola nova alcaldesa. Segundo indicou, “é que sexa a primeira medida o que o fai máis grave”, ao tempo que cualificou a actuación de mostra de “descaro” e “insensibilidade”.

UN SÍMBOLO INSTALADO TRAS ACORDO PLENARIO

A bandeira fora colocada en xaneiro de 2024 por Rubén Arroxo, daquela alcalde en funcións, nun contexto de transición entre a saída de Lara Méndez e a chegada de Paula Alvarellos á Alcaldía. A súa instalación produciuse no marco dun acordo plenario no que o Partido Popular se abstivo.

Segundo explicou Lugo por Palestina, a enseña non puidera ser situada na fachada do Concello debido ás limitacións establecidas pola Lei de Banderas, polo que se optara polo Vello Cárcere como espazo visible para expresar solidariedade coa poboación palestina.

Arroxo, presente tamén na concentración deste sábado, difundiu nas súas redes sociais a retirada da bandeira e participou na mobilización de protesta.

QUEIXA FORMAL E ADVERTENCIA AO CONCELLO

A plataforma cidadá anunciou xa a preparación dunha queixa formal contra o Concello de Lugo pola retirada do símbolo e advertiu da súa intención de continuar coa presión social para lograr a súa reposición.

No manifesto lido durante a concentración, Lugo por Palestina cualificou a decisión de “especialmente reprobable” polo contexto internacional actual e vinculou a protesta coa situación de activistas da flotilla con destino a Gaza, entre eles Saif Abukheshek e Thiago Ávila. “Imos facer todo o posible para que a bandeira volva: ou polas boas ou polas malas”, sinalaron.

+ posts

ÚLTIMAS

Elena Candia acompaña á Garda Real en Lugo no seu segundo día como alcaldesa

Elena Candia participou este sábado nos actos organizados pola Garda Real na cidade de...

Candia e Reigosa xuntas en varios actos protocolarios municipais

A concelleira non adscrita de Lugo, María Reigosa, participou este venres en varios actos...

Méndez cre que o papel de María Reigosa “demostra que Candia mercadea con Lugo” e avisa: “Pasará factura”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, cre que o papel de María...

A Deputación aproba destinar 300.000€ a Taboada e Trabada para mellorar varias dotacións locais

    A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou destinar 300.000€ aos concellos de...