A moción de censura impulsada polo PP en Lugo, que se debaterá o vindeiro 7 de maio, marcará o pleno do Parlamento galego desta semana, onde o asunto chegará á sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A oposición situará o foco nas garantías de uso dos recursos públicos nun contexto político especialmente tenso.
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, interpelará a Rueda para reclamar explicacións sobre se existen garantías de que os recursos públicos non se empreguen como moeda de cambio político. Socialistas e BNG teñen cuestionado a convocatoria dunha praza en Costas, que vincularon cun suposto “pago” á concelleira tránsfuga, aínda que esta xa rexeitou presentarse ao proceso.
O BNG tamén elevará a presión no Pazo do Hórreo ao denunciar un “uso partidista” da Xunta para favorecer a moción de censura en Lugo. Ademais, a sesión plenaria arrancará coa sesión de control —alterando a orde habitual— pola viaxe de Rueda a Bruxelas, onde participará no Comité das Rexións. No pleno comparecerá tamén a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, para explicar as liñas da política industrial e enerxética.
No ámbito das iniciativas, o PSdeG levará propostas centradas en sanidade, vivenda e industria, incluíndo a reforma da Atención Primaria, críticas pola falta de persoal sanitario no Porriño e o rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei. Tamén defenderán medidas de prevención de incendios e apoio ao marisqueo, xunto con demandas en materia de servizos sociais.
Pola súa banda, o BNG preguntará pola situación da sanidade pública e defenderá iniciativas para recuperar concesións hidráulicas, reforzar a lingua galega e esixir responsabilidades pola moción de Lugo. O PPdeG, en cambio, centrará as súas propostas en cuestións como a sanidade estatal, a vivenda ou a educación, reclamando ao Goberno central máis implicación e defendendo medidas propias como o impulso ao diálogo social.
