O rescate dun grupo de vacas precipitadas nun desnivel na contorna do río Miño, en Taboada, concluíu este venres coa recuperación da práctica totalidade dos animais, agás unha res que faleceu no momento da caída. A operación contou cun amplo despregamento de medios terrestres e aéreos para acceder a unha zona de difícil acceso.
O suceso produciuse o pasado mércores, nas proximidades do club náutico da Ponte Mourulle, cando varias reses caeron por un precipicio, o que obrigou a activar un operativo de emerxencia no que inicialmente se lograron rescatar dúas delas. Posteriormente, o dispositivo ampliouse coa incorporación dun helicóptero procedente de Asturias, que foi clave para completar a evacuación dos animais.
Segundo explicou o responsable de Protección Civil de Taboada, Luís Fidalgo, o operativo desenvolveuse durante dous días e implicou a coordinación de bombeiros asturianos, Protección Civil, Policía Nacional, Garda Civil de Taboada e Chantada, brigadas forestais e veciñanza da zona. Organizáronse varios equipos para suxeitar os animais cunha rede, retiralos por vía aérea e garantir a súa recuperación progresiva ata as explotacións gandeiras.
