A Deputación arrancou este mércores a sexta tempada do Coñece a túa provincia con 84 viaxes gratuítas esta primavera. A iniciativa, que impulsa a institución provincial para fomentar o turismo de proximidade e poñer en valor o patrimonio da provincia, beneficiará un ano máis a unhas 3.000 persoas en dúas quendas: a primeira, que se desenvolve entre abril e xuño; a segunda, que terá lugar durante o outono.
Pilar García Porto, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e Carlos López López, o Deputado de Medio Ambiente, deron hoxe a benvida aos grupos que estrean as primeiras excursións do programa: a asociación Santalla de Pena de Begonte, que visita Foz; e ás mulleres Bolboretas de Xove, que van a Pantón e Carballedo. Os primeiros fixeron parada na Produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación e os segundos, no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Deseñado pola Deputación no 2021 para apoiar ao sector servizos, “este programa demostrou ser un éxito rotundo en termos de participación e de xeración de riqueza para a nosa provincia”, valorou García Porto. A iniciativa está dirixida a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia, e técnicos da institución provincial teñen calculado que as máis de 17.000 persoas que participaron na iniciativa deixaron un retorno económico no territorio que supera os 800.000€.
Esta semana tamén viaxará un grupo de Cáritas Diocesana de Guitiriz, que coñecerá Alfoz e O Valadouro; a asociación O Compás do Río Ouro do Valadouro, que visitará Sober; e El Porvenir del Chao de Lousada, de Xermade, porá rumbo a Barreiros e Ribadeo.
44 itinerarios por toda a provincia
A iniciativa mantén este ano os 44 itinerarios turísticos por toda a provincia e inclúe 7 rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida e cada entidade puido escoller entre un máximo de cinco opcións. As excursións cobren todos os aspectos necesarios para gozar dunha experiencia completa: transporte, seguros de viaxeiros, menú de xantar, entradas a lugares de interese e a presenza dun guía oficial habilitado durante todo o percorrido.
