O BNG deu eco no pleno da Deputación de Lugo ás reivindicacións do persoal da sanidade pública galega que nas últimas semanas se está a mobilizar en demanda de máis profesionais e máis recursos en diferentes ámbitos da atención primaria e hospitalaria.
A portavoz do grupo provincial Iria Castro sinalou que “o conflicto laboral é a radiografía dunha sanidade ao límite a nivel estrutural” e fixo fincapé na situación do servizo de Urxencias do Hula onde, lembrou, “a presión asistencial se incrementou de expoñencial pasando de 81.000 a 110.000 en 2024 doentes por ano entre 2022 e 2024″
A deputada nacionalista incidiu nas demandas do colectivo de enfermería e celadoras que carecen de medios e espazos para o desenvolvemento do seu traballo. “O que estamos vendo hoxe na atención primaria é o resultado de anos de falta de investimentos, de planificación e de falta de respecto polo persoal sanitario por parte do goberno do Partido Popular na Xunta. Cando se debilita a atención primaria o que está en xogo é o sistema, e moitas veces a iso xogan vostedes”, denunciou.
Iria Castro fixo esta valoración no debate dunha moción en defensa das reivindicacións do persoal da sanidade que saiu adiante cos votos de BNG e PSdeG, malia a oposición do Partido Popular.
A moción reclama á Xunta reforzar o cadro de persoal na provincia de Lugo para garantir a cobertura das prazas vacantes e reducir a sobrecarga asistencial, mellorar as condicións laborais do persoal médico e de enfermería e atender as demandas do colectivo de celadores en canto a materiais e cadros de persoal.
Unanimidade para reclamar ao Estado o reforzo do servizo de Correos
O pleno aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG que reclama ao goberno do Estado o reforzo de Correos para garantir a cobertura en todo o territorio da provincia deste servizo público.
A mocion presentada polo BNG denuncia “os recortes drásticos” que o goberno estatal está aplicando a este servizo, que repercuten tanto nas condicións laborais das traballadoras e traballadores como na súa cobertura efectiva, especialmente nos concellos e parroquias rurais.
A portavoz nacionalista Iria Castro fixo fincapé na redución de horarios planificada para as oficinas de Samos, Bóveda e Escairón ou na falta de persoal nas oficina do Valadouro, Foz ou Sarria, que encadrou nunha política encamiñada “cara unha privatización encuberta do servizo”
A deputada valorou a unanimidade lograda no pleno para reclamar o reforzo do servizo e defendeu a necesidade dun servizo público que poña a rendibilidade social por riba do interese económico.
