A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, levou un decálogo de reivindicacións á reunión mantida esta tarde de mércores co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente do Goberno galego, Diego Calvo, en diferentes materias como infraestruturas, sanidade ou alegacións á futura lei de administración local.
En rolda de prensa en Santiago tras máis de dúas horas de reunión, a presidenta provincial mostrouse “contenta” e “tranquila” coa recepción de Rueda ás necesidades presentadas. “Saio cunha sensación moi positiva”, afirmou tras esta primeira toma de contacto despois de que López tomase posesión do seu cargo o pasado mes de xaneiro. “Levo bastantes deberes”, asegurou en relación con “moitísimas reunións de traballo” futuras que se farán por mor destas reclamacións en diferentes ámbitos.
Respecto diso, Diego Calvo valorou esta reunión para abrir “vías de colaboración”. Así, ratificou que a final de ano comezará a ampliación do Hospital da Mariña e no verán empezará a última fase da autovía entre Nadela e Sarria. Igualmente, Calvo expresou a intención da Xunta de estudar diferentes peticións, tales como que algúns tramos de estradas provinciais pasen a titularidade autonómica, unha asunción das unidades de atención temperá ou que os ciclos de audiovisuais que imparte a Deputación pasen a integrarse no sistema público de FP.
