A Asociación Agromuralla retomou as súas mobilizacións pola situación do sector agrogandeiro e fíxoo concentrándose ante a sede de Lactalis en Lugo, concretamente na fábrica de Nadela. Nesta ocasión, e tras as tractoradas que protagonizaron hai meses polo acordo con Mercosur, centráronse na produción de leite.
Á cita acudiron numerosos produtores, agrupados tras a lema ‘por un prezo xusto do leite, que cubra os custos de produción’, como resposta ás recentes baixadas de prezos aplicadas pola industria. Como xesto simbólico de rexeitamento, varios participantes romperon envases de leite á entrada das instalacións.
Esta acción xorde polo crecente malestar entre as explotacións gandeiras, que consideran inxustificadas as reducións no prezo do leite en orixe nun contexto no que os custos de produción continúan á alza, principalmente o gasoil, debido á guerra de Irán. Desde Agromuralla denuncian que “estas medidas agravan aínda máis a situación dun sector xa tensionado e pon en risco a viabilidade de moitas granxas”.
Os produtores quixeron visibilizar o seu descontento e reclamar condicións máis equitativas na cadea de valor, subliñando a necesidade de garantir prezos que cubran os custos e aseguren unha renda digna.
A protesta tamén destacou a importancia da unidade do sector como ferramenta crave para afrontar a situación actual. Os organizadores insistiron en que “só a través dunha mobilización conxunta será posible frear a tendencia á baixa dos prezos por parte da industria e defender os intereses dos produtores”.
