O Partido Popular de Lugo esixiu a PSOE e BNG “romper de verdade co acoso” e afastar das institucións aos políticos vinculados con delitos contra as mulleres e o seu encubrimento.
Nun comunicado, o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que PSOE e BNG non adoptaron ningunha medida “real” para “devolver a normalidade ética á institución provincial “tras saír á luz as denuncias públicas contra José Tomé por presunto acoso sexual nin tampouco desde que foi presenta a denuncia formal ante a xustiza e comunicada a presentación dunha querela por parte da Fiscalía”.
O portavoz popular sostivo que esta situación “afecta á imaxe da Deputación de Lugo” e criticou que ao PSOE e ao BNG “pouco impórtalles”. “O único que lles importa é manter os seus cargos”, censurou o deputado provincial, que asegurou que socialistas e nacionalistas “pon as súas cadeiras de brazos diante da defensa dos dereitos das mulleres”.
Así as cousas, avanzou que os populares instarán no próximo pleno ao goberno provincial de PSOE e BNG a mostrar a solidariedade e apoio ás mulleres, rexeitar condutas de acoso por parte de cargos públicos e afastalos das institucións públicas. “Cremos que é o lóxico e moralmente adecuado”, dixo.
Ameijide apuntou que “xa non quedan escusas” despois “do testemuño que coñecido polos medios de comunicación, despois de ver como a deputada provincial Pilar García Porto ou o número dous do PSdeG reuníronse coa nai da vítima en varias ocasións sen facer nada, tras saber que o PSOE tentou dar longas e gañar tempo ofrecendo un asesoramento legal e psicolóxico á vítima que nunca chegou e que agora a Fiscalía ve indicios claros de delito e actúa“.
“O PSOE debe sacar da alcaldía a Tomé, a presidenta da Deputación debe apartar ao deputado non adscrito e tamén á deputada que o encubriu durante meses e o BNG debe ser coherente e facer algo máis que cobrar os seus soldos e viaxar en coche oficial”.
“Sen cuestionar a presunción de inocencia nin o dereito á lexítima defensa, desde o PP cremos que os dirixentes do PSdeG e do goberno provincial de PSOE e BNG deben, canto menos, condenar publicamente os feitos denunciados, adoptar responsabilidades políticas que demostren a súa implicación real co feminismo e aplicar medidas para afastar a persoas acusadas de delitos contra as mulleres das institucións públicas e de quen encobre estes feitos”, trasladou.
Ameijide sostivo que “non houbo explicacións nin dimensións por parte dos dirixentes do PSOE provincial e do PSdeG” que, segundo asegurou, “eran coñecedores, como recoñeceron publicamente e por escrito, de cando menos un caso denunciado prol a nai dunha presunta vítima”.
“É máis, só puxeron escusas despois de estar a encubrir o caso e dándolle as costas á vítima. Non fixeron nada. Mesmo dicían condenar este tipo de feitos reprobables e gravísimos contra as mulleres, pero tanto PSOE como BNG, negociaron a formación dun goberno na Deputación co apoio imprescindible de Tomé“, concluíu.
