A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de anunciar en Ribas de Sil o arranxo da estrada provincial que conecta o val de Quiroga con Ourense, a LU-P-5301. Acompañada polo Alcalde do municipio, Roberto Castro; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e concelleiros e concelleiras da corporación local; a mandataria provincial percorreu os últimos tres quilómetros desta vía que é clave para vertebrar o concello porque comunica o núcleo urbano de San Clodio cos distintos miradoiros de montaña ata Alto da Cruz.
“Esta é unha estrada fundamental para a contorna porque comunica as dúas provincias e porque ten unha relevancia turística moi importante, nun territorio de alto valor xeolóxico, natural e cultural como é o Xeoparque Montañas do Courel”, declarou López. Explicou que o tramo que se vai rehabilitar desta vía é o último, na conexión con Ourense, unha zona de montaña que sofre un tráfico intenso e cambios bruscos de temperatura. Recentemente a institución provincial mellorara parte do firme, entre os quilómetros 3,1 e 6,2, polo que con este novo proxecto, que está en fase de estudo, a estrada quedaría mellorada en practicamente todo o seu trazado.
Carmela López aproveitou tamén a visita supervisar o funcionamento do xeocamping, que leva meses aberto cunha capacidade de 100 prazas distribuídas en 8 bungalós, e no que a institución provincial investiu 150.000€ a través do Plan Deputación en diferentes anualidades. O complexo conta tamén co CIMAR, o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, integrado no Xeoparque e con tres salas expositivas interconectadas sobre as diferentes explotacións de ouro no territorio e as técnicas mineiras empregadas polos romanos.
CORTES NA LU-P-1801 DE CHANTADA AOS PEARES
A Deputación de Lugo cortou este venres ao tráfico a estrada LU-P-1801 de Chantada aos Peares, para garantir a seguridade dos condutores que transitan por esta vía. Técnicos da institución provincial valoraron esta mañá o estado da calzada á altura do quilómetro 15, ao seu paso pola parroquia chantadina de Nogueira de Miño, onde apareceu unha fenda de varios centímetros no borde exterior do firme.
Trátase dun treito que descorre á beira do río Miño, nunha zona de viñedos que soporta maquinaria agrícola e tráfico fundamentalmente local. A institución provincial xa reparara esta estrada, que percorre as ladeiras entre o Miño e o Sil, no 2019, tras os danos ocorridos a esa mesma altura. Trátase dunha zona especialmente complicada polas características do terreo.
Os técnicos da Deputación estudian agora as posibles solucións que se lle pode dar a esta vía da Ribeira Sacra e que forma parte da rede de estradas provinciais.
