O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, advirte que se confirma que Renfe elimina a última frecuencia do día de conexión por tren entre Madrid e Lugo: “Unha semana despois de que denunciaramos esta situación, a páxina web de Renfe non corrixiu nada. Se fora un erro informático estaría corrixido neste tempo”.
“O certo é que, a partir do luns 27 de abril, o último tren entre Madrid e Lugo sae da capital ás 16:05 horas; de forma que calquera viaxeiro que colla o primeiro tren da mañá, que non chega ata Madrid ata despois das dúas do mediodía, e o último do día, non disporá nin de 2 horas para facer xestións na capital”, explica.
O popular considera “moi grave” a situación e, máis aínda, “que trataran de mentirnos aos lucenses. Para desmentir a situación tiveron tempo de elaborar unha nota de prensa, pero non para solucionar o suposto erro técnico”, manifesta. “E agora vemos que a oferta de servizos continúa recortada”, puntualiza.
Ameijide afea que o alcalde, PSOE e BNG dixeran que ían conseguir máis frecuencias de ferrocarril para a provincia; “cando o que conseguiron é que nolas quiten”. E engade que “a realidade é que o Goberno de Sánchez, co apoio do BNG, quere illar á provincia. Lugo é a única provincia sen conexión coa alta velocidade e, aínda por riba, quítanlle frecuencias”. Deste xeito, denuncia que “a nosa provincia vai ser a única que teña unha rede pola que non podan circular trens a alta velocidade e Lugo terá unha nova estación na que non haberá trens”.
“Dende o PP de Lugo esiximos a conexión á alta velocidade e máis frecuencias durante o día: un tren madrugador e un servizo a última hora do día, que nos permitan facer xestións durante o día na capital de España e volver a Lugo no día”.
O portavoz provincial avanza, neste sentido, que “preguntaremos á Deputación Provincial, a PSOE e BNG que está facendo o goberno provincial para impedir o illamento total ao que condena Pedro Sánchez á nosa provincia”.
