O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, cargou contra a “negativa” do BNG a apoiar unha proposta de declaración institucional presentada no pleno desta semana para condenar o ataque ao busto de Manuel Fraga en Vilalba.
Ao tempo, tras mostrar o seu “asombro e perplexidade”, anticipou que os populares prevén “reconvertela” nunha iniciativa de impulso (proposición non de lei), co que forzarán a todos os grupos a votar, xa sexa en pleno ou en comisión parlamentaria.
“Non se pedía adhesión ideolóxica, senón algo básico: unha condena firme da violencia e o respecto institucional á historia democrática de Galicia”, esgrimiu, en relación á declaración institucional, á vez que agradeceu o apoio do deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, e do PSOE, que fixo unha contraproposta que o PP estaba disposto a aceptar.
Na proposta de declaración, o Grupo Popular remarcou que propuña manifestar o respecto da Cámara á figura de Manuel Fraga, recoñecendo o seu papel no desenvolvemento e consolidación da autonomía galega, máis aló das lexítimas discrepancias políticas, así como “reafirmar o compromiso común coa convivencia democrática e co rexeitamento de calquera ma for de violencia e vandalismo”.
“O sectarismo do nacionalismo independentista non pode marcar a resposta ante a violencia e o vandalismo. Galicia é unha sociedade plural, aberta e democrática, onde o extremismo, veña de onde veña, non ten cabida nin pode condicionar o funcionamento das institucións”, subliñou.
Pazos advertiu tamén de que “non se pode aparentar moderación en período electoral” e, ao mesmo tempo, “manter posicións que alimentan a división cando se trata de asuntos tan relevantes como a defensa dos valores democráticos ou a convivencia pacífica”.
NOVO CAPÍTULO DO “PACTO PORCO” EN LUGO
Na súa comparecencia, Pazos referiuse tamén ao que cualificou como “un novo capítulo de desprezo pola igualdade por parte do PSOE galego” na provincia de Lugo.
O portavoz popular criticou que, tras permitir que o deputado provincial na Deputación de Lugo, José Tomé, continúe na Alcaldía de Monforte a pesar de ser denunciado por suposto acoso sexual, producísese a dimisión da concelleira de Igualdade e non a do rexedor.
“Que o substitúa o seu propio fillo agrava a percepción de enchufismo e clientelismo e evidencia que, para PSOE e BNG, todo vale polo poder e polo diñeiro”, lamentou.
Segundo Pazos, este episodio “pon de manifesto o falso feminismo do PSOE”, ao considerar que “falan de igualdade e protección das mulleres, pero actúan de forma distinta cando están en xogo aliados ou intereses políticos”.
O PPdeG, recalcou, esixe a dimisión de José Tomé de todos os seus cargos e reivindica “a defensa das mulleres, a transparencia pública e a responsabilidade”.
