InicioPolíticaO PP de Guitiriz leva aos tribunais á alcaldesa por suposta falsidade...

O PP de Guitiriz leva aos tribunais á alcaldesa por suposta falsidade documental e cobro indebido de dietas nunha viaxe privada a Portugal

Os populares denuncian que Marisol Morandeira asinou unha acta dunha xunta de goberno mentres estaba en Águeda e que percibiu máis cartos dos gastos declarados; a rexedora asegura descoñecer a denuncia e agarda actuación xudicial.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os concelleiros do Partido Popular de Guitiriz presentaron unha denuncia contra a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira (PSOE), por suposta falsidade documental, prevaricación administrativa e uso indebido de fondos municipais. Así o confirmou o portavoz popular, José Manuel López Rodríguez, nunha comparecencia pública na que estivo acompañado polo secretario xeral do PP na provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. Entre os asistentes atopábanse tamén os deputados provinciais Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, José Ángel Santos, Armando Castosa e José Pardo.

Segundo relatou o portavoz popular, a denuncia fundaméntase nunha viaxe realizada pola rexedora a Águeda (Portugal) entre os días 9 e 11 de decembro de 2025. Tratábase, indicou, dun desprazamento de carácter privado e lúdico organizado por unha asociación, ao que a alcaldesa acudiu a título persoal. O custo da viaxe ascendía a 250 euros en habitación dobre e pensión completa, cun suplemento de 60 euros en caso de habitación individual, polo que o importe máximo era de 310 euros. Con todo, López Rodríguez denuncia que o mesmo día 9 de decembro a alcaldesa solicitou ao Concello unha indemnización por gastos de manutención, “percibindo un total de 381,65 euros, unha cantidade superior ao custo real da viaxe”. A xuízo do PP, isto supón que “os veciños de Guitiriz acabaron pagando unha actividade privada”, algo que consideran inxustificable.

A denuncia por suposta falsidade documental céntrase especialmente no ocorrido o 10 de decembro. Segundo o relato dos populares, ese día, mentres se atopaba en Portugal, Marisol Morandeira asinou unha acta na que constaba a súa asistencia e presidencia dunha xunta de goberno local, pola que ademais cobraría dietas cifradas en 153 euros. O PP sostén que dita asistencia era imposible, non só por atoparse fóra do municipio —apuntan a fotos publicadas en redes sociais— senón porque o regulamento municipal non permite a participación telemática neste órgano e a normativa vixente impide intervir en órganos colexiados estando fóra do territorio nacional. José Manuel López asegurou que a decisión de acudir aos tribunais “non foi sinxela”, pero que o grupo popular se viu obrigado a facelo para defender os intereses xerais dos veciños. Ademais, expresou a súa preocupación pola posibilidade de que “este tipo de prácticas puidesen repetirse noutras ocasións sen ser detectadas”.

Pola súa banda, Antonio Ameijide expresou o respaldo do partido aos concelleiros de Guitiriz e subliñou que o PP provincial seguirá apoiando aos seus cargos locais “na defensa da legalidade e do uso responsable dos recursos públicos”. Ameijide engadiu que, se a xustiza confirma os feitos denunciados, o goberno provincial de PSOE e BNG quedaría, na súa opinión, “marcado pola polémica e a ilegalidade”, lembrando anteriores controversias que afectaron á Deputación durante o actual mandato. O responsable do PP en Guitiriz explicou que a denuncia foi presentada o pasado venres 20 de febreiro, “tras reunir toda a documentación que avala esta denuncia”, incluíndo fotos da viaxe, a acta da xunta de goberno e os cobros das distintas dietas.

O CONCELLO RESPOSTA

O Concello de Guitiriz respondeu ás acusacións formuladas polo Partido Popular asegurando que “todas as actuacións e procedementos administrativos” que se levan a cabo desde a administración local “axústanse á máis absoluta legalidade”. Así o sinalou o goberno municipal despois da denuncia presentada no Xulgado de Instrución de Vilalba por suposta falsidade documental, prevaricación administrativa e uso indebido de fondos municipais.

Nesta liña, o executivo local subliñou que, aínda que calquera grupo político está no seu dereito de acudir á vía xudicial se considera que existe algunha irregularidade, o PP está a recorrer a unha estratexia que cualifica de “xogo sucio”, afastada —din— do verdadeiro obxectivo da política municipal. “Afastada do verdadeiro obxectivo da política local, que non é outro que traballar para mellorar a vida dos veciños e veciñas do municipio”, remarcaron, ao tempo que criticaron unha forma de facer política baseada na “crispación e o enfrontamento permanente”.

Así mesmo, o equipo de goberno aclarou que a alcaldesa, Marisol Morandeira, “non ten coñecemento formal dos feitos concretos que se lle atribúen”, xa que ata o momento non recibiu ningunha notificación oficial relacionada coa denuncia. Con todo, indicaron que, no caso de recibir comunicación xudicial, a rexedora pronunciarase para aclarar a situación, “en coherencia coa vontade de transparencia que caracteriza a actuación do actual equipo de goberno”.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación estende aglomerado no Corgo sobre o cinto comarcal de estradas

  A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana o estendido do aglomerado en...

Celadores do HULA denuncian o colapso de Urxencias este luns

Os e as celadoras do HULA de Lugo informan mediante unha nota de prensa...

O PPdeG propón unha declaración institucional para condenar a vandalización do busto de Manuel Fraga en Vilalba

O PPdeG enviou ao resto de grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional para...

O PP provincial pedirá reintegrar os traballadores da antiga Suplusa á Deputación

O PP esixe ao goberno provincial reintegrar na Deputación de Lugo aos traballadores de...