Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no vindeiro pleno “cando teñen previsto PSOE e BNG executar de verdade as obras necesarias na escola de piragüismo”, propiedade da institución provincial.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, visitou recentemente as instalacións e comprobou “as numerosas e graves deficiencias que presenta esta infraestrutura”, como problemas na cuberta, con caleiros atascados e cheos de vexetación que están a provocar goteiras, humidades e filtracións no interior do edificio.
A estes problemas súmanse fugas nas tubaxes de abastecemento e nos desaugues, así como un evidente deterioro exterior, coa carpintería totalmente danada. “Estamos a falar dunha infraestrutura provincial, que acolle a centos de deportistas, que debería estar en condicións óptimas e que, sen embargo, presenta un estado impropio polo abandono e a falta de mantemento nos últimos anos”, sinalou.
Antonio Ameijide lembrou que, malia que nos orzamentos provinciais se teñen consignado partidas para actuacións nesta escola, “a realidade é que esas melloras non chegaron a executarse e as deficiencias seguen a agravarse co paso do tempo”.
Por este motivo, no próximo pleno Ameijide preguntará ao goberno de PSOE e BNG cando teñen previsto aprobar e executar as obras de reparación e mantemento necesarias na escola de piragüismo. “Os usuarios e os profesionais que empregan estas instalacións merecen unhas condicións dignas e seguras, e a Deputación debe asumir a súa responsabilidade como titular do inmoble”, concluíu.
