O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o martes, dúas mocións co obxectivo de combater o deterioro dos servizos públicos que a Xunta de Galicia está a provocar na provincia, tanto no ámbito dos coidados ás persoas maiores como da educación pública. Por unha banda, reclamará que se paralicen as obras e se modifique o proxecto da Residencia de Maiores das Gándaras, que pretenden transformar habitacións individuais en dobres e reducir o número de prazas. Pola outra, esixirá á administración autonómica a posta en marcha dun plan de choque para reforzar o persoal de atención á diversidade nos centros educativos públicos da provincia.
Defensa da intimidade e da dignidade na Residencia das Gándaras
A primeira das mocións aborda a reforma que a Xunta está a executar na Residencia de Maiores das Gándaras, unha actuación que o PSdeG vén denunciando nas últimas semanas, acompañando ás persoas residentes nas mobilizacións convocadas cada sábado diante do centro.
Tras analizar o Proxecto Básico e de Execución de Remodelación, o PSdeG confima o que os residentes levan semanas advertindo: a transformación sistemática de habitacións individuais en dobres, incorporando dúas camas nun mesmo espazo común sen tabiquería de separación, o que “anula calquera posibilidade de vida privada”.
Os socialistas consideran que esta reforma supón unha perda evidente de intimidade e cuestionan o modelo de atención que a Xunta está a aplicar nos seus centros. “Comprobamos unha vez máis o deferente xeito de entender a atención ós maiores e á dependencia”, sinalan, en contraste co modelo das residencias provinciais, que “pon no centro ás persoas, ós nosos maiores e o seu benestar, coidando non só as ratios de persoal e os servizos, senón tamén a calidade dos espazos e a preservación da dignidade e da intimidade á que ninguén debería renunciar por mor da idade”.
A moción insta á Xunta e á Consellería de Política Social a paralizar de xeito inmediato as obras de reconversión de habitacións individuais en dobres, modificar o proxecto para respectar a configuración individual e convocar unha reunión urxente coa dirección do centro e cos representantes das persoas residentes e afectadas para consensuar unha reforma que respecte a súa vontade.
Falta estrutural de profesorado de PT e AL nos centros públicos
A segunda iniciativa céntrase na situación do persoal de atención á diversidade nos centros educativos públicos da provincia. O PSdeG denuncia que Galicia arrastra unha falta estrutural de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), con ratios insuficientes, profesorado compartido entre centros e atrasos reiterados na cobertura de prazas.
Segundo recolle a moción, esta carencia non responde a circunstancias puntuais, senón a unha ausencia continuada de planificación por parte da Xunta, o que impide garantir unha educación inclusiva e adaptada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e xera desigualdades entre concellos.
Por iso, o Grupo Provincial Socialista reclama á administración autonómica a elaboración e posta en marcha inmediata dun Plan de Choque específico para reforzar o profesorado de PT e AL en todos os centros públicos da provincia, dotado dos recursos económicos e humanos necesarios, que inclúa a revisión de ratios e garanta a cobertura efectiva das prazas dende o inicio de cada curso escolar.
A voceira provincial, Pilar García Porto, enmarcou ambas iniciativas nun mesmo contexto político e institucional e lembrou que “dende o PSdeG levamos anos advertindo de que a falta de planificación e de investimento da Xunta acaba recaendo sempre sobre as persoas máis vulnerables”. Ao seu xuízo, tanto a reforma da Residencia das Gándaras como a insuficiencia de profesorado de atención á diversidade “responden á mesma lóxica de fondo: menos recursos públicos, menos previsión e menos respecto polos dereitos das persoas”.
“O que lle pedimos á Xunta é simplemente que cumpra coas súas competencias e que deixe de trasladar ás familias, ás traballadoras e aos concellos as consecuencias da súa mala xestión. Gobernar tamén é saber priorizar, e para nós a prioridade son as persoas”, concluíu.
