InicioSen categorizarPSdeG reclama á Xunta que paralice as obras na Residencia das Gándaras...

PSdeG reclama á Xunta que paralice as obras na Residencia das Gándaras e rectifique os plans

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE reclamou hoxe á Xunta de Galicia que rectifique o proxecto de reforma da Residencia das Gándaras e paralice a conversión de habitacións individuais en dobres, ao considerar que a actuación supón un retroceso nas condicións de vida das persoas usuarias, tanto pola perda de intimidade como pola diminución de prazas previstas no centro.

 Nunha rolda de prensa celebrada hoxe diante da residencia, representantes socialistas das distintas administracións -Parlamento de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Lugo e Congreso- situaron esta reforma como un exemplo do modelo de xestión do Partido Popular, que, segundo advertiron, non garante unha vellez digna nin dá resposta á crecente demanda de atención á dependencia.

 A deputada autonómica Lara Méndez explicou que o PSdeG defende “un envellecemento proactivo” para garantir a autonomía das persoas maiores, pero subliñou que, cando esa autonomía se perde, “as administracións teñen a obriga de ofrecer lugares e servizos que permitan afrontar esa última etapa con dignidade”. Nese sentido, denunciou que o modelo do PP “non garante esa vellez digna” e puxo o foco na falta de prazas públicas suficientes, sinalando que na cidade de Lugo “non se fixo ningunha praza pública nova en máis de 40 anos”.

 Méndez advertiu de que a Xunta está executando na Residencia das Gándaras unhas obras con fondos europeos e que, cun investimento que cifrou en “case 8 millóns de euros”, o resultado será “reducir case 30 prazas e quitar intimidade”, ao promover habitacións compartidas. “Ese espazo íntimo, ese espazo habitacional que permite ter un recuncho no que estar cómodo, estase limitando”, afirmou.

 A socialista lembrou que a residencia leva semanas sendo escenario de protestas “sábado tras sábado”, co PSdeG acompañando ás persoas usuarias nas concentracións. “Falamos de independencia, autonomía e intimidade. Non poden ter que pasar esa última etapa en condicións que lles restan ese espazo vital que como persoas debemos ter”, insistiu.

 “Dende o Partido Socialista levaremos iniciativas en todas as institucións para defender ás persoas residentes”, asegurou. Lembrou que esta posición xa foi defendida no Parlamento de Galicia e avanzou que tanto a Deputación de Lugo como o Concello impulsarán tamén medidas nesta mesma liña.

 Pola súa parte, a deputada provincial Pilar García Porto lembrou que desde a Deputación e desde o Grupo Provincial Socialista levan anos reclamando melloras na atención ás persoas maiores na provincia. Sinalou que esa necesidade contrasta co “desleixo” da Xunta e contrapuxo o modelo autonómico co da Deputación, baseado en residencias de proximidade, nas que as persoas maiores poden permanecer “no seu propio concello, na súa contorna e no seu espazo natural”, cunha “vellez moito máis digna”.

Porto advertiu de que a Xunta non concerta novas prazas nas residencias públicas da provincia mentres “si se están a favorecer as residencias privadas”. Como exemplo, indicou que a última residencia mellorada no conxunto de Lugo foi a de Antas de Ulla, máis de trinta anos despois da súa apertura, cando se habilitou a segunda planta. Tamén fixo referencia á situación de arredor de dez persoas que levan tres anos vivindo nun piso en Monterroso “sen ter as mínimas condicións que necesitan” a medida que a súa dependencia avanza.

Anunciou que o vindeiro martes o Grupo Provincial Socialista levará esta cuestión ao pleno da Deputación, reclamando á Xunta tres cuestións: garantir unha vellez digna; que as obras nas Gándaras melloren a calidade de vida e non a empeoren, mantendo a intimidade e deixando de converter habitacións individuais en dobres; e revisar o modelo de atención ante unha demanda crecente, evitando que se restrinxa a calidade de vida das persoas maiores e dependentes.

Dende o concello de Lugo, a concelleira Ángeles Novo asegurou que o goberno local estivo “a carón dos usuarios e das usuarias desde que tivo coñecemento da situación”. Explicou que o alcalde, Miguel Fernández, mantivo reunións cos traballadores e residentes “para coñecer de primeira man o problema”.

Novo reclamou que a Xunta “escoite ás persoas afectadas” e que non execute as obras sen ter en conta as súas peticións, centradas no respecto á dignidade e á intimidade persoal. Esixiu tamén o cumprimento da normativa autonómica e da Constitución Española, que recoñecen estes dereitos, lembrando que entre as persoas residentes hai usuarios con discapacidade recoñecida, aos que tamén ampara a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

 A concelleira anunciou que o PSdeG levará este asunto ao pleno municipal e reiterou o apoio do concello ás persoas usuarias e afirmou que “a dignidade non se pode xubilar e a intimidade non pode depender da idade”.

 Pechou o encontro a deputada do PSOE no Congreso Patricia Otero, quen cualificou o sucedido como “un exemplo máis da xestión de residencias do goberno galego”, ao considerar que se está actuando “dándolle as costas aos usuarios e ás usuarias”.

Otero lembrou actuacións doutros responsables do Partido Popular, poñendo como exemplo á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á que definiu como “a que marca a liña política do Partido Popular” e a que “fixa a axenda en Madrid”. Sinalou que unha política de xestión de residencias allea ás necesidades das persoas usuarias trouxo “consecuencias tan lamentables como durante a COVID-19” e pediu que o Goberno galego non tome ese modelo nin veña “ayusizando” a xestión das residencias en Galicia.

A deputada reivindicou o papel do goberno socialista na posta en marcha da Lei de Dependencia e no incremento dos fondos destinados a esta materia, e preguntouse polo destino dos recursos que chegan desde o Goberno de España á Xunta de Galicia, cuestionando por que non se traducen en melloras reais para as persoas usuarias. “Este é un exemplo máis”, concluíu, en referencia á situación da Residencia das Gándaras.

 

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo contará cun xulgado especializado en violencia machista por “demanda histórica”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou en Lugo que o Goberno...

Declaración polo 8M da Deputación de Lugo centrada nas mulleres que “sosteñen a administración local”

A Xunta de Voceiros da Deputación, convocada este xoves pola Presidenta Carmela López, aprobou...

Axentes da Garda Civil auxilian un neno de 2 anos con sintomas de atragoamento

Axentes da Comandancia da Garda Civil de Lugo auxiliaron o pasado martes a un...

Senadores galegos reclaman ao Goberno a rehablitación urxente da N-120

O Senado esixe ao Goberno de Sánchez unha actuación urxente e integral na N-120...