InicioLugo e contornaLugoAprobado o proxecto de rehabilitación para a mellora da avenida Adolfo Suárez...

Aprobado o proxecto de rehabilitación para a mellora da avenida Adolfo Suárez en Lugo

A redacción do proxecto correu a cargo dos servizos técnicos da Deputación e dispón de informes favorables dos servizos municipais de Enxeñaría e Urbanismo, tanto desde o punto de vista técnico como urbanístico

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xunta de goberno local do Concello de Lugo aprobou o proxecto técnico de rehabilitación do firme da avenida Adolfo Suárez (Tramo I), no tramo comprendido entre a glorieta con Serra de Meira-Montero Ríos e o final do chan urbano.

Con esta decisión, o Executivo municipal dá un paso máis para a mellora doutro dos principais accesos á cidade, dando continuidade ás actuacións realizadas na avenida de Madrid e ao desdobramento da avenida Infanta Elena, aberto ao tráfico o pasado mes de decembro.

O proxecto aprobado conta cun orzamento base de licitación de 200.767,71 euros e enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre o Concello de Lugo e a Deputación provincial, co obxectivo de mellorar progresivamente esta vía estratéxica.

A redacción do proxecto correu a cargo dos servizos técnicos da Deputación e dispón de informes favorables dos servizos municipais de Enxeñaría e Urbanismo, tanto desde o punto de vista técnico como urbanístico. Así o trasladou este mércores a portavoz socialista, Ana González Abelleira.

PROXECTO

A actuación aprobada contempla a rehabilitación do firme existente mediante o fresado da capa de rodaxe e a súa posterior reposición con mestura bituminosa en quente en toda a superficie de actuación, incluídas as interseccións cos viarios adxacentes.

O proxecto inclúe tamén a substitución do colector unitario situado baixo a calzada por un novo colector de PVC de 400 milímetros de diámetro, xunto cos correspondentes pozos, arquetas e acometidas.

Ademais, prevense traballos complementarios como o recrecido ou substitución de tapas de rexistro, a reparación de sumidoiros e a retirada puntual de fitos e sinais necesarios para executar correctamente a pavimentación.

As obras desenvolveranse integramente en chan de titularidade municipal, polo que non será necesaria a adquisición de terreos nin a realización de expropiacións.

Esta intervención forma parte dunha actuación máis ampla na avenida Adolfo Suárez. No marco do mesmo convenio está prevista unha segunda fase, correspondente á urbanización do tramo comprendido entre o final do chan urbano e a glorieta prevista na PXOM.

Esta fase conta cunha estimación económica de 608.370,52 euros, segundo a memoria valorada incluída no expediente e permitirá dotar a este espazo de beirarrúas e mellorar o trazado viario. O desenvolvemento deste segundo tramo queda pendente da redacción do proxecto construtivo por parte da Deputación e, no seu caso, do correspondente proxecto de expropiacións, que serán sometidos a aprobación unha vez completada a tramitación administrativa.

Tras a aprobación, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que esta actuación “demostra que cando existe vontade política e cooperación institucional, os proxectos avanzan e convértense en realidades”.

González Abelleira explicou tamén a modificación puntual na PXOM para cambiar o uso dunha leira na zona de Casás propiedade municipal. Actualmente, tiña a designación de chan dotacional, pero pasa a ser de aparcadoiro, xa que na práctica están a usala os veciños para este fin.

OUTROS ACORDOS

A xunta de goberno do Concello de Lugo abordou outros asuntos vinculados ás áreas de Mobilidade, Infraestruturas, Participación e Educación, de dirección nacionalista, tal e como informou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

Na reunión tratouse tamén a situación das obras da rúa Milagrosa, acordando a inadmisión da solicitude de modificación do contrato e da recusación da dirección de obra presentada pola empresa adxudicataria.

O Concello considera que a renovación do saneamento é economicamente viable a través da liquidación e do reaxuste doutras partidas do contrato, polo que non ve xustificada a tramitación desta modificación “nin resulta admisible que se pretenda o cambio dos técnicos municipais encargados da dirección de obra, que deben velar polos intereses xerais”, explicou Rubén Arroxo.

Entre outros dos acordos máis destacados figura a modificación do contrato do autobús urbano, que permitirá duplicar os servizos que chegan a Nadela, pasando de catro a oito expedicións diarias. A medida lógrase mediante axustes nas liñas 1.2, 5.2 e 5DS, o que tamén permitirá mellorar a puntualidade e responder as demandas veciñais, especialmente na zona de Castelo.

En segundo lugar, e ante o atraso acumulado, acordouse a suspensión do contrato coa empresa Urbaconsa Lugo SL pola execución das obras da rúa Milagrosa. A obra comezou o 21 de xullo de 2025 cun prazo de execución de 9 meses. “A día 18 de febreiro, apenas alcanza un 9,8% de execución cando o normal sería atoparse preto do 80%, permanecendo paralizada de facto desde o 19 de decembro a pesar das instrucións da dirección de obra”.

Esta decisión, tomada a proposta da dirección de obra e dos servizos técnicos municipais, implica a apertura dun prazo de alegacións para a empresa e, posteriormente, o inicio dun novo procedemento de licitación, que podería demorarse entre 3 e 4 meses, alongando os prazos da actuación, pero garantindo a súa correcta execución “e evitando aceptar modificacións contractuais que poidan comprometer o interese público”.

INFRAESTRUTURAS

En materia de infraestruturas, iniciouse o procedemento de licitación para renovar a rampla de acceso á Praza de Abastos pola rúa Tuñas Bouzón, tras detectarse un problema estrutural. A actuación contará cun orzamento de 122.041,46 euros e un prazo estimado de execución de tres meses, mellorando a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias, xa que se reducirá a inclinación da mesma alongando a pasarela.

Así mesmo, adxudicáronse novas obras de mellora en infraestruturas municipais. No cemiterio municipal aprobouse o asfaltado das rúas 1 e 2 por importe de 120.195,48 euros, coa instalación dun novo pavimento de formigón, sistemas de drenaxe e canalizacións eléctricas.

Tamén se adxudicaron as obras de mellora da rúa Picasso, unha vía peonil de acceso ao centro de saúde de Fingoi, cun orzamento de 83.366,66 euros, que incluirá renovación de beirarrúas, zona axardinada, iluminación pública e saneamento.

No ámbito dos mercados municipais, aprobouse a renovación dun posto no mercado de Frigsa tras regularizarse a situación tributaria do seu titular. En Educación, a Xunta impuxo unha sanción de 2.572,91 euros á empresa responsable das actividades extraescolares por reiterados incumprimentos contractuais.

Por último, abordouse a situación das obras da rúa Milagrosa. O Goberno local rexeitou a solicitude de modificación do contrato e a recusación da dirección de obra expostas pola empresa adxudicataria e acordou a suspensión do contrato polo grave atraso acumulado, cunha execución inferior ao 10% cando debería roldar o 80%. A decisión abre un período de alegacións e dará paso a unha nova licitación, co obxectivo de garantir a correcta execución da obra e a defensa do interese público.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo contará cun xulgado especializado en violencia machista por “demanda histórica”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou en Lugo que o Goberno...

Declaración polo 8M da Deputación de Lugo centrada nas mulleres que “sosteñen a administración local”

A Xunta de Voceiros da Deputación, convocada este xoves pola Presidenta Carmela López, aprobou...

Axentes da Garda Civil auxilian un neno de 2 anos con sintomas de atragoamento

Axentes da Comandancia da Garda Civil de Lugo auxiliaron o pasado martes a un...

Senadores galegos reclaman ao Goberno a rehablitación urxente da N-120

O Senado esixe ao Goberno de Sánchez unha actuación urxente e integral na N-120...