O equipo do obradoiro de emprego Forum 4.0 tiña a misión de lanzar unha plataforma web na que unificar todo o material gráfico sobre o patrimonio arqueolóxico lucense. Mais estes rapaces querían escapar do formato tradicional, e acabaron mudando o proxecto en Arqueolucus, a base para o concurso de ideas Baixo os teus pés, que mestura a valorización do herdo romano e o emprendemento. Para os interesados, a fase de inscrición finaliza este xoves 31.
De inicio, os integrantes deste grupo multidisciplinar –parte do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, do Fondo Social Europeo– analizaron como o patrimonio arqueolóxico é transmitido cara o público, e atoparon a necesidade dun valor engadido. Hogano, os bens patrimoniais de Lugo son difundidos na meirande parte a través do traballo de musealización e as recreacións, sendo a máis senlleira o Arde Lucus. Tiveron en conta asemade o auxe dos recursos tecnolóxicos, coma a fotogrametría, a representación tridimensional dun obxecto a partir de imaxes aéreas.
Así, o Forum 4.0 atopou que a innovación é a chave para proxectar no tempo e desestacionalizar os activos culturais, porque “o patrimonio cae nun letargo, convértese nunha pedra máis”. Este enfoque implicou trascender a mera interpretación do herdo romano para buscar nel ideas para un modelo de negocio viable, inspirados no potencial do viveiro do Centro de Empresas e Innovación (CEI Nodus) no que traballan.
O desafío radica en que o patrimonio arqueolóxico “non está sempre á vista”, mais representa o testemuño que as xentes doutras épocas non poden trasladar. Arqueolucus aspira a tirar da cidadanía e agromar ideas coas que transformar os bens patrimoniais en iniciativas económicas, a través do imprescindible apoio das institucións que fan posible o concurso, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Quen pasen o corte optarán a tres premios, incluíndo o asesoramento no sementeiro de empresas e equipos informáticos.
Os responsables de Arqueolucus dividen o certame en catro áreas temáticas: novas tecnoloxías, potenciación vía emprendemento, difusión e produtos físicos. Na fase de presentación de ideas, unicamente hai que aproximar a viabilidade; o incipiente proxecto definirase dentro do prazo de entrega, ata o 15 de febreiro, e os finalistas serán comunicados o día 25. O xurado inclúe o arqueólogo Enrique González, e para o evento final do 7 de marzo contarán con poñentes doutos en consultoría e conservación.
Dende a premisa de que o patrimonio conta a historia e aporta identidade á cidade de Lugo, os membros de Forum 4.0 confían na tracción do emprendemento para “vencellar o pasado e o futuro”. Agardan que Arqueolucus poida mudar en oportunidades de futuro tanto para os participantes coma para os propios organizadores. “O patrimonio que definiu a historia ten que seguir definindo a Lugo”.