O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas para reclamar ao Goberno central a mellora inmediata do servizo postal de Correos en todos os concellos da comarca de Lugo. Así, o parlamentario nacionalista denunciou a “situación de deterioración que sofren, tanto na atención á cidadanía como nas condicións laborais do persoal”.
Por todo iso, instou ao Executivo estatal a garantir a prestación dun servizo de calidade á cidadanía, especialmente no rural. Segundo detallou o BNG nunha nota de prensa, rexistrou esta iniciativa despois da reunión mantida por Néstor Rego co secretario nacional de CIG-Correos, John Vivanco, xunto aos portavoces e responsables locais do BNG nos distintos concellos da comarca de Lugo.
“A falta de cobertura das prazas ou o aumento das áreas de repartición sen persoal asignado son elementos que provocan a perda de calidade dun servizo público esencial e afecta de maneira especial aos cidadáns das zonas con menor densidade de poboación, como é o caso de moitos dos Concellos do rural de Lugo”, sinalou Rego.
Por todo iso, reclamou a cobertura de todas as prazas vacantes por xubilacións ou baixas e medidas urxentes para asegurar a repartición e a atención no rural, sobre todo no relacionado coas notificacións e citas médicas, así como a ampliación dos horarios de atención ao público nas oficinas dos distintos concellos. Para Rego, “o abandono progresivo” de Correos responde a unha estratexia de “desmantelamento dos servizos públicos” e subliñou que o servizo postal “é clave para a cohesión territorial e a igualdade de dereitos”.
