Gandeiros e agricultores de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema iniciaron este luns a súa segunda semana de protestas cun paseo dos tractores polas rúas de Lugo, o que provocou numerosos atascos e retencións no tráfico da cidade, especialmente no Ceao e na Rolda da Muralla, onde seguen aparcados desde o pasado luns máis de 150 vehículos agrícolas nun dos carrís. Para o que queda de xornada as previsións son continuar co movemento dos tractores para facer notar a súa presenza e, ás 22.00 horas, volver reunir a todos ante a delegación da Xunta en Lugo, tal e como veñen facendo nas xornadas previas.
De feito, esta fin de semana celebrouse unha foliada e o sábado unha degustación de tenreira, dous actos que reuniron a decenas de persoas, a maior parte profesionais do sector, e que obrigaron a cortar o tráfico nesa zona da Muralla. Para este martes está previsto que continúen as mobilizacións de tractores de forma continuada e tamén se celebrará ás 12.00 horas unha manifestación a pé entre a sede da Xunta e a Subdelegación do Goberno, unha acción similar á realizada o pasado venres.
Mentres as protestas continúan, os manifestantes esperan contestación por parte dos organismos cos que solicitaron unha reunión, como a subdelegada e o delegado do Goberno ou os eurodeputados de PSOE, PP e VOX, e dos que “non temos noticia”, tal e como explicou a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez. Os colectivos convocantes fan un chamamento á sociedade lucense para que se sume a estas concentracións, lembrando que serán os máis prexudicados por este tratado, “xa que verán reducida a calidade dos alimentos que atoparán nos lineais dos supermercados”.
