InicioSociedadeO Concello de Lugo deberá indemnizar seis traballadoras por vulnerar o dereito...

O Concello de Lugo deberá indemnizar seis traballadoras por vulnerar o dereito á igualdade

O Xulgado do Social rexeita a existencia de acoso laboral pero aprecia un "mensaxe encuberto" na baixada de complementos salariais.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo deberá indemnizar a seis traballadoras da área de Servizos Sociais por vulneración do dereito á igualdade tras a redución do complemento de produtividade correspondente ao pasado ano. Así se indica na sentenza do Xulgado do Social número 1 de Lugo, que, malia recoñecer a discriminación retributiva, considera que non existiu acoso laboral.

Cinco das seis demandantes deberán percibir 10.000 euros cada unha, mentres que a sexta recibirá 15.000 euros debido á especial repercusión dos feitos na súa integridade moral, ao ter acreditado un trastorno de ansiedade. Pola súa banda, o Goberno local xa anunciou que recorrerá a sentenza ante as instancias superiores.

ORIXE DO CONFLITO LABORAL

Esta demanda por parte das traballadoras remóntase ao ano 2025, cando as seis recibiron unha diminución do seu complemento salarial, tanto en comparación coas súas compañeiras como en relación ao que cobraran en exercicios anteriores. Segundo a denuncia, este recorte produciuse despois de que presentaran unha queixa interna por acoso laboral contra a concelleira Olga López Racamonde —recentemente falecida— e a xefa de servizo, seguida dunha denuncia xudicial por vulneración de dereitos fundamentais.

Na súa demanda inicial, as traballadoras solicitaban o fin de calquera conduta de acoso e unha indemnización de 30.000 euros para cada unha por prexuízos e incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais. Porén, o maxistrado non aprecia a existencia de acoso ao entender que as probas non demostran unha vulneración de dereitos por esa vía nin infraccións nas normas de prevención de riscos.

DEREITO Á IGUALDADE E ACOSO INDIRECTO

Malia rexeitar o acoso en sentido estrito, o xuíz sinala que se produciu unha situación de “acoso indirecto ao lanzar un mensaxe encuberto de que calquera discrepancia ou situación de tensión pode derivar nunha merma das retribucións”. A sentenza establece que o conflito laboral derivou nunha vulneración do dereito á igualdade das profesionais afectadas.

O maxistrado considera que as reclamacións das traballadoras, vinculadas á organización do traballo, a sobrecarga laboral ou a cobertura de baixas, forman parte da dinámica habitual nunha estrutura laboral. No entanto, entende que estas discrepancias deben canalizarse por vías internas, aínda que neste caso concreto a resposta económica do Concello supuxo unha discriminación salarial ilegal.

+ posts

ÚLTIMAS